A Feira Inspiro regresa a Ourense co foco posto no emprendemento

OurenseXa
O encontro interxeracional entre o tecido empresarial e os diferentes modelos formativos de Galicia celebrarase o 25 de marzo en Expourense
presentacion-inspiro-2026
18 Mar 2026

Expourense e a empresa ourensá DixitalGou organizarán o próximo mércores 25 de marzo a cuarta edición de “Inspiro”, o Encontro Interxeracional entre o tecido empresarial e os diferentes modelos formativos (Universidade e Centros de Formación Profesional) de toda Galicia, que se celebrará no recinto feiral ourensán e cuxo acceso será libre e gratuíto. Como é habitual, este evento inclúe tamén a exposición (e posterior entrega de premios) dos dez traballos finalistas do Cuarto Concurso de Proxectos Emprendedores.

A cuarta edición de Inspiro foi presentada esta mañá en Expourense nun acto que contou coa participación do deputado de Representación Institucional da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández; da directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Marta Vázquez; do vicerreitor do Campus de Ourense – Universidade de Vigo, Francisco Javier Rodríguez Rajo; da directora do Centro Galego de Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiro, María Jesús Carnero; da vicepresidenta de AJE-Ourense, Alba Ferro; do CEO de DixitalGou, Pablo Sanmartín; e do director xerente de Expourense, Rogelio Martínez.

O evento ten como obxectivo principal “aprender a emprender con éxito” e ofrecerá conferencias, mesas redondas e talleres prácticos sobre emprendemento, ciberseguridade e casos de éxito. A xornada incluirá tamén a exposición e entrega de premios aos dez finalistas do Cuarto Concurso de Proxectos Emprendedores, así como un recoñecemento especial ao empresario ourensán Jorge Bermello.

Como xa é habitual, a presentadora de televisión Lucía Rodríguez exercerá de novo de mestra de cerimonias. A conferencia inaugural será impartida por Roberto Pérez Marijúan, comunicador e fundador de Eloqüencia, quen explicará que “Emprender ten método”. Posteriormente, Judit Mairiño Maqueira, de Data Defense Solutions, abordará a ciberseguridade na súa charla titulada “Protexendo o futuro”. Ademais, o CEO de DixitalGou, Pablo Sanmartín, moderará unha mesa redonda na que tres empresarios presentarán as súas experiencias de éxito. Participarán directivos de Estrelas Máxicas, Ociosaugal e Grupo Vila Castro.

A sesión da tarde contará con dous talleres paralelos. O primeiro, chamado “C.A.O.S.” e impartido por Julio López, consultor político, de marketing e de desenvolvemento de negocio, porá a proba o espírito emprendedor dos asistentes. O segundo taller estará centrado en como retransmitir por streaming con recursos accesibles e será impartido por Estrelas Máxicas, empresa especializada en eventos, iluminación, son e espectáculos, permitindo aos asistentes participar activamente no proceso de gravación e configuración do sistema. O encontro pecharase cunha homenaxe ao empresario ourensán Jorge Bermello, con máis de 65 anos de traxectoria profesional.

Nesta edición, Inspiro acollerá a final do Cuarto Concurso de Proxectos Emprendedores. Dos trinta proxectos presentados, seleccionáronse dez finalistas procedentes da Universidade de Vigo, da Universidade de Santiago de Compostela e dos centros de formación Santo Cristo, Valle Inclán e San Martín de Ourense.
A entrega de premios será ás 18:30 horas e inclúe unha dotación económica de 1.550 euros repartidos en tres categorías, ademais de mentorizacións a cargo do Club do Emprendemento. Como novidade, entregarase un recoñecemento especial ao “Mellor pitch / Presentación” e outro ao proxecto orientado á “Silver Economy”.

O proxecto gañador da edición pasada foi “Emprender cos meus fillos”, creado por Elio Villalobos e Soraya Picouto, co obxectivo de “capacitar a pais e nais en educación e intelixencia financeira para que adquiran ferramentas prácticas, pedagóxicas e didácticas no desenvolvemento integral e cognitivo dos seus fillos”.

O obxectivo do concurso é poñer en contacto á comunidade educativa e ao mundo empresarial, de forma que ambos compartan coñecemento, estimulen a capacidade emprendedora dos estudantes e aumenten a produtividade e competitividade.

O encontro desenvolverase en Expourense durante toda a xornada do mércores 25 de marzo, entre as 09:15 e as 19:00 horas, e a asistencia é gratuíta previa inscrición en www.inspiro.es.
O evento está coorganizado por Expourense e DixitalGou, contando co patrocinio principal da Deputación Provincial de Ourense e da Dirección Xeral do Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia. Colaboran tamén a Asociación de Jóvenes Empresarios de Ourense – AJE, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e o Club do Emprendemento.

0.14216303825378