A Festa da Empanada regresa a Allariz cargada de cultura, gastronomía e música

Allariz prepárase para celebrar unha nova edición da súa emblemática Festa da Empanada, que terá lugar do 22 ao 24 de agosto. A presentación oficial celebrouse esta mañá, cun acto no que participaron a alcaldesa, Cristina Cid, e o concelleiro de Cultura, Alberto Conde, quen destacaron o evento como un “referente gastronómico e cultural da vila” e como un motor importante para a economía e o turismo local.
A programación deste 2025 mestura tradición e propostas actuais, con actividades pensadas para todos os públicos. O momento central chegará o sábado 23 ás 21:00 horas, coa Xornada Gastronómica nos Xardíns do Museo do Coiro, onde se poderá degustar a recoñecida empanada de Allariz. Durante toda a fin de semana, panaderías, pastelerías e locais de hostalería sumaranse tamén á festa coa venda das súas propias empanadas.
O venres 22 abrirá a programación cunha proposta teatral na Praza do Matadoiro, “Entre fíos ando ao lío”, da compañía Punto en Boca, seguida dun concerto de Budiño – Branca Vela 2025 nos Xardíns do Museo do Coiro.
O sábado incluirá tamén o XXXIII Tríatlon Vila de Allariz, que terá lugar na Alameda ás 18:00 horas, antes da gran cita gastronómica. A festa continuará pola noite coa actuación da Orquestra Neverloura e unha sesión de Discomóbil con DJ.
O domingo 24 será unha xornada intensa, cunha programación que comezará pola mañá co tradicional pasarrúas e concerto da Banda Cultural Instructiva Unión Musical Genovesa de Valencia, a XXXV Regata Provincial de Piragüismo e o desfile de Xigantes e Cabezudos acompañados polo grupo de gaitas De Pé Feito. Tamén terá lugar a presentación do C.D. Allariz e un partido amigable contra o C.D. Seixalvo. Xa pola tarde, o grupo Os d’Abaixo ofrecerá un concerto no campo de Vilanova, antes do baile popular coa orquestra La Oca Band.
Desde as 11:30 horas, o Campo de Vilanova acollerá a tradicional Festa Campestre, cun ambiente familiar no que non faltará o churrasco nin o polbo, e onde a entrada será gratuíta.
A alcaldesa Cristina Cid convidou “a toda a veciñanza e visitantes a gozar dunha fin de semana chea de sabor, cultura e tradición”, mentres que o concelleiro Alberto Conde puxo en valor “a aposta do Concello por manter vivas as nosas festas máis emblemáticas, combinando calidade e participación”.