A Festa do Boi chega a Allariz con máis de 50 actividades
Un ano máis, Allariz acolle unha nova edición da tradicional Festa do Boi. Durante 9 días desenvolveranse máis de 50 actividades no municipio ourensán, con moita música, teatro, actividades infantís, encontros populares e, por suposto, as saídas do boi, que centrarán a programación festiva.
A Asociación Xan de Arzúa aposta polo carácter cultural e histórico da festa potenciando actividades como a procesión medieval na que participan máis de vinte gremios. Arredor de 600 persoas ataviadas cos seus respectivos traxes representan, de xeito divertido, a orixe da Festa do Boi.
Unha das novidades de este ano é a recuperación da comida popular do sábado, que se celebrará en Paicordeiro este sábado 25 de maio. Ese mesmo día ás 16:00 horas haberá Foliada con Xisco Feijóo. Dende a organización convidan a todas as persoas que se acheguen se queren co seu instrumento para festexar todos e todas xuntas o inicio da edición de 2024.
Os nenos e nenas terán o seu espazo na Festa coa programación de actividades como as saídas do boi infantil, o espectáculo de monicreques creado polos centros de ensino de Allariz, o Pistaboi, a merenda infantil ou a actuación do mércores a tarde.
A música, como é habitual, terá unha importante presenza na Festa contando con grupos de gaiteiros, charangas e orquestras, e os tradicionais Zés Pereiras, entre outros.
A Festa do Boi está sufragada pola achega voluntaria dos veciños e veciñas, comerciantes e hostaleiros de Allariz aos que porta por porta se lles pide contribución, así coma entidades colaboradoras. Sen todas estas achegas a Festa do Boi non seria posible de realizar.