A Festa do Magosto 2025 manterá a súa localización tradicional no Centro Histórico

As Festas de San Martiño manteranse no Centro Histórico de Ourense, tal como acaba de anunciar o Concello, que hai unhas semanas barallou a posibilidade de trasladar as celebracións do Magosto ao parque Ribeira de Canedo.
Desde o consistorio explican que se avaliou a posibilidade de que a zona verde situada xunto ao río Miño albergase a tradicional festa do 11 de novembro, pero descartan esa opción por motivos técnicos. “Para garantir o seu desenvolvemento en caso de chuvia, estudouse a posibilidade de instalar unha pérgola temporal, sostida por vigas de madeira situadas sobre as columnas de pedra do parque, que serviría de porche para o público asistente. Con todo, os informes técnicos municipais desaconsellan esta solución por razóns de seguridade, polo que a celebración festiva continuará na súa ubicación tradicional”.
Con todo, o Concello explica que mantén o seu compromiso co Parque de Ribeira de Canedo “como escenario ideal para futuras actividades artísticas e eventos festivos, especialmente na primavera e no verán, e durante o día”, e anuncia que proximamente organizará outros actos artísticos e festivos neste espazo, incluída unha gran verbena, a próxima primavera. Lembra que o parque xa acolleu con éxito actividades como o concerto de María do Ceo das Festas da Ponte 2022, polo que estudan a posibilidade de organizar unha gran festa de cara ao 2026.