A folga de lixo sigue en pé ante a falta de acordo entre os sindicatos e a empresa concesionaria

A folga do lixo convocada a semana pasada por parte dos sindicatos e as persoas traballadoras de Ecourense, concesionaria do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria do Concello de Ourense, sigue en pé logo dun encontró mantido no día de onte e onde non se logrou chegar a un acordo.
Polo de agora, está previsto que o vindeiro sábado 1 de marzo, día grande do Entroido en Ourense, comecen os paros indefinidos por parte dos traballadores de limpeza, que reclaman “un convenio colectivo digno tras 14 meses cos salarios conxelados”.
A medida foi adoptada tras a última proposta achegada pola empresa e despois de celebradas 12 xuntanzas negociadoras (tanto entre o comité coa empresa como co comité do Concello) dende que o 31 de decembro de 2023 rematase a vixencia do convenio.
Neste tempo Ecourense negouse a aceptar as principais demandas da parte social para dotarse dun convenio para os anos 2024, 2025 e 2026: incrementar os soldos en base ao IPC e equiparar o valor dos trienios (xa que a antigüidade está conxelada) á categoría de condutor para beneficiar a de peón, que conta cos salarios máis baixos.
Ademais, no caso de que o convenio se estendese tamén ao ano 2027 reclamábase tamén a redución da xornada laboral, eliminando un dos dous sábados de traballo obrigatorio ao mes para cada un das persoas empregadas do servizo.
Concesión en precario
Ante a negativa da dirección o comité (4 representantes da CIG, 1 do STL, 1 de CCOO, 1 da CGT, 1 da USO e 1 da UGT) optou por celebrar unha asemblea na que o persoal rexeitou a proposta final da empresa e decidiu convocar folga. A proposta recibiu o apoio practicamente total das máis de 120 persoas participantes, xa que unicamente se contabilizou un voto en contra.
Dende a CIG lembran que a concesión da recollida do lixo e limpeza viaria atópase -ao igual que o resto de servizos do Concello- en precario, xa que o Goberno local non foi quen de sacar adiante o prego de condicións para convocar o concurso de renovación do servizo. Un prego que recibiu alegacións da central sindical e que finalmente foi anulado xudicialmente tras os recursos presentado por varias empresas. “De xeito que volvemos ao inicio do proceso, co agravante de que levamos 14 meses sen convenio e o cos soldos conxelados”, denuncian.