A Fundación Cum Laude pon en marcha o seu Club de Lectura para 2026

OurenseXa
Formado maioritariamente por mulleres, o club propón como único compromiso a lectura da obra seleccionada e a participación nos encontros, que comezan o vindeiro 27 de xaneiro
club-de-lectura-fundacion-cum-laude
20 Jan 2026

A Fundación Cum Laude inicia unha nova edición do seu Club de Lectura, unha actividade que se desenvolve de maneira continuada desde o ano 2006 co obxectivo de fomentar o hábito lector e o intercambio de ideas entre as persoas participantes.

O club, integrado maioritariamente por mulleres, propón como único compromiso a lectura da obra seleccionada e a participación nos encontros, nos que se comparten impresións, sensacións e reflexións xurdidas durante a lectura. Cando é posible, as sesións complétanse cunha breve aproximación á figura do autor e ao contexto do texto. A selección das obras responde a criterios de actualidade, ben por tratarse de autores contemporáneos ou pola vixencia dos títulos escollidos.

A primeira reunión do ano 2026 xirará arredor de dous libros. Por unha banda, Relatos misericordiosos. Relatos mortais, do escritor húngaro László Krasznahorkai, recente Premio Nobel de Literatura. Pola outra, O gran Gatsby, de F. Scott Fitzgerald, unha obra clave da literatura universal que cumpre cen anos desde a súa primeira edición.

A vindeira cita do Club de Lectura terá lugar o martes 27 de xaneiro de 2026, ás 19:30 horas, na libraría EIXO, onde se comentarán ambas as dúas lecturas.

⚙ Configurar cookies
0.063565015792847