A Fundación Curros Enríquez comeza as actividades de outono-inverno con novos horarios

A Fundación Curros Enríquez anuncia os novos horarios de atención nos seus espazos a partir deste mesmo mércores, 1 de outubro. Entre eles inclúense a Casa dos Poetas e a Torre da Homenaxe en Vilanova dos Infantes, que adaptan o seu horario á tempada de inverno.
A Casa dos Poetas abrirá de martes a venres de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00, e os sábados de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00, con acceso gratuíto para as persoas visitantes.
Pola súa banda, a Torre da Homenaxe estará aberta sábados, domingos e festivos de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00. Desde a torre realízanse visitas guiadas polo conxunto medieval de Vilanova dos Infantes, que inclúen un percorrido polas rúas do casco histórico ata a Cova de San Vivián, onde se atopa a sala etnográfica dos zapateiros. Estas visitas levaranse a cabo ás 11:00 e ás 16:30 nos días de apertura. Recoméndase reservar previamente chamando ao 646 026 421.
Ademais, a Fundación lembra que se poden solicitar visitas guiadas a outros espazos, como a Torre das Campás, dispoñibles baixo demanda de mércores a venres, e ao Mosteiro de San Salvador en Celanova, xestionadas desde a oficina de turismo do municipio.
Este outono tamén se mantén a Visita Cultural por Celanova, un percorrido pola vila que combina literatura, historia, cine e arquitectura. Inclúe a visita á Casa dos Poetas e a diferentes espazos de uso civil do mosteiro, como o claustro do IES Celanova, a Torre das Campás, a lareira do mosteiro ou a aula onde se rodou a serie A desorde que deixas. A actividade realizarase de mércores a venres mediante reserva previa.