A Fundación Curros Enríquez concede o 41º Premio “Celanova, Casa dos Poetas” a Sarabela Teatro

OurenseXa
O recoñecemento concédese pola súa longa traxectoria no ámbito sensorial da representación escénica e polo seu compromiso permanente coa veracidade, honestidade e autenticidade
psdroado-fundacion-curros-enriquez
Reunión do padroado da Fundación Curros Enríquez
9 Mar 2025

O xurado do premio "Celanova, Casa dos Poetas", presidido por Antonio Puga Rodríguez, tras deliberar sobre as propostas internas presentadas e valorar as traxectorias dos candidatos na defensa da cultura galega e de Galicia (segundo establecen as bases), acordou por unanimidade conceder o galardón á Compañía de Teatro Sarabela.

O recoñecemento concédese pola súa longa traxectoria no ámbito sensorial da representación escénica e polo seu compromiso permanente coa veracidade, honestidade e autenticidade. A compañía demostrou estes valores tanto na elección dos textos que leva a escena como na súa relación co público, caracterizada pola transparencia e a fidelidade á conexión única entre actor e espectador.

Sarabela naceu en 1980 no entorno docente e cultural da Universidade Laboral de Ourense como compañía independente e, en 1990, profesionalizouse. Dende entón, mantivo un firme compromiso cos principais autores do teatro e da literatura galega, como Blanco Amor, Vicente Risco e Méndez Ferrín, defendendo sempre a lingua e a identidade cultural de Galicia. Porén, non renunciou a levar á escena grandes clásicos da literatura universal nin a explorar creacións propias. Todo isto co propósito, tal como eles mesmos declaran, de "facer un teatro de calidade: vivo, arriscado, contemporáneo, coherente, con rigor, autocrítica, responsabilidade e resistencia".

Con este premio, a Fundación Curros Enríquez quere destacar non só a excelencia artística de Sarabela, senón tamén o seu arraigamento ás súas orixes ourensás, a pesar de que os seus integrantes desenvolveron carreiras en distintas disciplinas escénicas, incluído o ámbito audiovisual, onde demostraron unha calidade profesional indiscutible.

Así mesmo, resáltase o seu labor como formadores e divulgadores do teatro, tanto nas escolas de teatro onde participan como nos eventos teatrais que organizan en Ourense, como o FITO, a MITEU e o MOTI. A través destes encontros, promoveron a presenza de numerosos grupos teatrais na provincia, contribuíndo non só ao gozo do público, senón tamén ao fomento do amor polo teatro.

⚙ Configurar cookies
0.053524017333984