A Fundación Curros Enríquez organiza unha mostra fotográfica colectiva sobre as escolas tradicionais
Seguindo a tradición anual de organizar unha exposición colectiva entre Celanova e Guadix para pechar o mes de agosto de cada verán, a Fundación Curros Enríquez botará unha mirada ó pasado a través dunha mostra fotográfica "co fin de realimentar a memoria singular e colectiva cara un tempo nos que ser protagonista dunha fotografía tiña un carácter máxico que agora está completamente desaparecido".
Con este motivo, a Fundación organiza unha mostra de persoas voluntarias de Guadix e Celanova que conserven unha daquelas fotografías tradicionais que viñan facer ás escolas cun mapa como pano de fondo da fotografía.
O obxectivo é colocalas na exposición co fin de mesturar as xentes de ámbalas dúas localidades irmandadas e demostrar así que, malia á distancia temporal e xeográfica, as xentes e os costumes sempre foron os mesmos.
O mellor xeito de colaborar, sinalan, é realizar unha toma da fotografía co teléfono móbil, tratando de que teña boa luz e un encadre recto e proporcionado e enviala ó correo electrónico fundacion@currosenriquez.es, indicando o nome e apelidos das persoas que aparezan na imaxe. En todo caso, os participantes tamén poderán levar a fotografía en papel á Casa dos Poetas para a súa dixitalización.
O prazo de presentación das fotografías estará aberto ata o próximo luns, día 19, co fin de montar a exposición na derradeira semana deste mes de agosto.