A Fundación Curros Enríquez presenta a súa programación cultural para agosto

A Casa dos Poetas de Celanova arrinca o mes de agosto cunha variada oferta de actividades culturais organizadas pola Fundación Curros Enríquez. A primeira cita será o sábado 2 de agosto con dúas propostas. Ás 12:00 horas terá lugar a presentación da novela ‘Gorriones y halcones de Carmen Blanco’, e ás 13:30 celebrarase o ‘V Festival Curtas en Celanova’, no que se proxectarán as pezas realizadas polos participantes no Campo de Voluntariado do Audiovisual Galego.
Ao longo do mes, a programación continuará con diferentes propostas literarias e artísticas. O 8 de agosto, ás 20:00 horas, inaugurarase a exposición ‘Criptografías e outras complicidades’, unha colaboración entre Baldo Ramos e Pepe Cáccamo, que poderá visitarse ata finais de setembro. Tamén continúa, ata o 5 de agosto, a mostra ‘Pintura y tinta’ de Pedro Castro.
O día 21 será a quenda da obra ‘El último maqui. Vida y leyenda de Mario de Langullo’, de Juan Carlos Alonso, que se presentará ás 20:00 horas. Pechando o mes, o 29 de agosto, terá lugar unha nova cita coa poesía coa presentación do poemario ‘Feixe de tempos’ de Goliardo Ceibe, tamén ás 20:00 horas.
Con esta programación, a Fundación mantén a súa aposta por promover a creación literaria e artística no marco do espazo cultural da Casa dos Poetas.