A Fundación Curros Enríquez recoñece IES de Teis pola súa fidelidade co programa 'Vén coñecer a Celanova de Curros e Celso Emilio'

A Fundación Curros Enríquez continúa a consolidarse como un referente cultural e educativo en Galicia grazas ao seu programa de visitas escolares centrado na figura dos escritores locais e no patrimonio de Celanova. Durante os meses de febreiro a xuño, a Casa dos Poetas acolle a numerosos grupos de escolares de toda Galicia que participan no itinerario “Vén coñecer a Celanova de Curros e Celso Emilio”.
Este programa combina visitas á Casa dos Poetas, ao Mosteiro de San Rosendo, a Vilanova dos Infantes e ao castro de Castromao, cun percorrido urbano guiado pola poesía dos autores celanoveses. Ata o momento, neste curso xa confirmaron a súa asistencia 51 centros educativos, o que supón unha media anual que rolda os 2.000 estudantes procedentes de diferentes puntos da comunidade.
Como mostra de agradecemento pola súa continuidade no programa, a Fundación entrega un certificado de recoñecemento aos centros que repiten visita cada cinco anos desde a apertura da Casa dos Poetas en 2006.
Nesta ocasión, o recoñecemento foi para o IES de Teis de Vigo, que participou nesta actividade por quinta vez co seu alumando de 3º da ESO.