A Fundación Curros Enríquez remata o ano traballando na mellora da Casa dos Poetas

O Padroado da Fundación Curros Enríquez, reuniuse este sábado na Sala da Lareira da Casa dos Poetas coa presenza de membros a título persoal e membros en representación das institucións patroas como son por exemplo a Deputación Provincial de Ourense, o Consello da Cultura Galega e o Concello de Celanova para, ademais de debater o programa de actividades que se desenvolverá durante 2025, aprobar o orzamento anual e renovar o compromiso institucional de colaboración na organización de actividades conxuntas a nivel expositivo ou de promoción dos autores de Celanova.
Pasados 20 anos tras a creación da entidade cultural da Fundación Curros Enríquez e próximos a cumprir os 20 desde a apertura da Casa dos Poetas, que abriu as súas portar en febreiro de 2026, o padroado da entidade continúa a traballar nunha revisión e mellora tanto a nivel arquitectónico do edificio coma do espazo expositivo, que ten cumprido o seu cometido de difusión das figuras literarias de Celanova, principalmente Manuel Curros Enríquez, pero que precisa unha revisión para a súa modernización e actualización. En 2025 conferencias, presentacións, un encontro de xornalismo e colaboracións con compañías teatrais e outras entidades serán algunhas das fórmulas coas que se traballarán aspectos da vida de Manuel Curros Enríquez como o tempo que pasou de corresponsal de guerra durante as Guerras carlistas, o seu proceso penal ou a súa estadía en Cuba durante os últimos anos.
O Padroado da Fundación ademais debateu sobre o programa anual de actividades que de novo inclúe unha ampla gama de actividades que van desde presentacións de libros, audiovisuais, exposicións, actividades para nenos e nenas, realización de visitas e actividades destinadas a grupos escolares e outras entidades culturais e sociais, ademais da entrega do XLI Premio “Celanova, Casa dos Poetas” que se decidirá na seguinte reunión.
Precisamente a intensa actividade da Fundación Curros Enríquez foi outro dos temas protagonista na reunión deste ano con respecto ó presuposto da entidade. É un feito xa que a Fundación Curros Enríquez é unha das entidades culturais de maior dinamización cultural da provincia, tamén que a aportación coa oferta dos seus roteiros, programas e mesmo a atención directa de espazos destacados para visitar en Celanova e Vilanova dos Infantes demostra a importarte labor de dinamización turística que está a realizar. A todo isto hai que sumarlle os traballos de xestión, conservación e apertura diaria da Casa dos Poetas, casa familiar do poeta Manuel Curros Enríquez, que consta de dous edificios unidos polo que se salientou a necesidade de aumentar o presuposto anual para dar mantemento a toda esta labor, que ademais está a conseguir que se coñeza en todo o territorio galego. Precisamente por estes motivos aprobáronse diferentes medidas para tentar aumentar os ingresos da entidade, entre as que están se atopan iniciativas para aumentar o número de colaboradores económicos, o número de participantes nos diferentes programas de visitas e as partidas das entidades colaboradoras presentes na fundación.
Entre as iniciativas aprobadas está a maior visualización tanto da Casa dos Poetas como da ruta currosiana, que en 2025 se poderá realizar tras unha redefinición do percorrido e aproveitando como inicio a apertura da senda urbana polo río da Serra que parte do Barrio da Hermida e que chega ata a zona próxima a Penalta onde se atopa o primeiro núcleo que Manuel Curros Enríquez menciona nun dos seus poemas máis coñecidos como é “O gaiteiro”. O percorrido enlazará Vilanova dos Infantes a través de Einibó coa escusa dos poemas “Unha boda en Einibó” e “A Virxe do Cristal” para rematar de novo en Celanova. Abrindo así a posibilidade de realizar un traxecto circular duns sete quilómetros aproximadamente. Este proxecto terá un punto de conexión co 50 aniversario da apertura do CEIP Curros Enríquez de Celanova que se celebra en 2025 e a Xornada de convivencia dos centros que levan o nome do escritor que se celebrará en maio será a data máxima que a Fundación Curros Enríquez se marca para a súa realidade.
Finalmente 2025 será tamén un ano de afianzamento na promoción de percorridos cun contido explicativo máis centrado no ámbito literario e cinematográfico tanto polo exterior da vila impulsando o paseo polo seu casco histórico (no que se atopan diversos bustos como os de Manuel Curros Enríquez ou Pepe Velo) como nos espazos do mosteiro que se prestaron como plató de gravación e os que teñen unha ligazón literaria cos escritores da vila, fundamentalmente con Celso Emilio Ferreiro.