A Fundación Dorzán e Cáritas Ourense asinan un convenio para loitar contra a soidade non desexada

A directora de Cáritas Diocesana de Ourense, María Tabarés, e o presidente da Fundación Dorzán, Juan Ramón Álvarez Blanco, asinaron un convenio para o desenvolvemento do proxecto “Acompaño-te 2025”, centrado especialmente en combater a soidade non desexada das persoas maiores.
Cáritas será a entidade encargada de implementar este proxecto ao longo do ano 2025, co obxectivo de mellorar a calidade de vida e fomentar o mantemento da autonomía das persoas maiores, permitindo que poidan, na medida do posible, seguir envellecendo nas súas propias casas.
A desigualdade social, agravada pola actual situación económica, afecta con especial intensidade a un dos sectores máis vulnerables da sociedade: as persoas maiores. Por iso, Cáritas Ourense e a Fundación Dorzán unen esforzos nesta iniciativa orientada a aliviar o risco de pobreza, desprotección e exclusión social que sofre a terceira idade.
Entre os principais obxectivos do convenio está o de cubrir necesidades básicas como vivenda, alimentación, subministracións, e gastos farmacéuticos e sanitarios non cubertos polo sistema público. Todo isto dirixido a persoas maiores de 60 anos en situación ou risco de exclusión social, cuns ingresos reducidos que lles dificultan facer fronte aos gastos do día a día.
Durante o acto de sinatura destacouse que Cáritas executará o programa “Acompaño-te 2025” ao longo deste ano, cunha financiación de 20.000 euros, achegados na súa totalidade pola Fundación Dorzán.