A Fundación Vicente Risco inaugura este sábado unha mostra que recolle o legado de Risco e Castelao

OurenseXa
A exposición reúne unha ampla selección de debuxos, manuscritos, textos literarios, correspondencia, proxectos teatrais, poemas, gravados e fotografías de ambos autores
expo-risco-castelao
10 Oct 2025

A Fundación Vicente Risco, en colaboración co Concello de Allariz, organiza este outubro o ciclo “Vicente Risco e Daniel Castelao: Galiza como proxecto vital”, unha serie de actividades que buscan achegarse á obra e ao pensamento de dúas das figuras máis relevantes da cultura galega. Esta iniciativa ten como motivo principal a celebración do Ano Castelao 2025, no que Galicia conmemora o 75 aniversario do seu falecemento.

O programa comezou o venres 3 de outubro coa proxección das curtametraxes ‘O Pai de Migueliño’ (Miguel Castelo) e ‘Antes de Nós’ (Ángeles Huerta), e continuará este sábado, 11 de outubro, coa inauguración da mostra ‘Vicente Risco e Daniel Castelao: Galiza como proxecto vital’, que permitirá ás persoas visitantes coñecer máis de preto a súa vida e as súas achegas culturais. A apertura terá lugar ás 12:00 horas.

A exposición reúne unha ampla selección de debuxos, manuscritos, textos literarios, correspondencia, proxectos teatrais, poemas, gravados, portadas de revistas e libros, así como fotografías, que amosan a diversidade creativa e o compromiso intelectual de ambos.

O ciclo pecharase o sábado 13 de decembro de 2025, ás 10:30 horas, tamén na Fundación Vicente Risco, coas xornadas arredor de Risco e Castelao, nas que se profundará no seu legado intelectual e cultural.

⚙ Configurar cookies
0.077026844024658