A Fundación Vicente Risco pon en marcha un ciclo de actividades para afondar na obra de Risco e Castelao

A Fundación Vicente Risco, en colaboración co Concello de Allariz, organiza o ciclo “Vicente Risco e Daniel Castelao: Galiza como proxecto vital”, unha serie de actividades que buscan achegar á obra e ao pensamento de dúas das figuras máis relevantes da cultura galega.
O programa arranca o venres 3 de outubro de 2025, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Allariz, coa proxección das curtametraxes O Pai de Migueliño (Miguel Castelo) e Antes de Nós (Ángeles Huerta), seguida dun coloquio cos directores moderado por Xosé Barato.
O sábado 11 de outubro de 2025, ás 12:00 horas, na Fundación Vicente Risco, terá lugar a inauguración da exposición “Vicente Risco e Daniel Castelao: Galiza como proxecto vital”, que permitirá aos visitantes coñecer máis de preto a súa vida e achegas culturais.
O ciclo pecharase o sábado 13 de decembro de 2025, ás 10:30 horas, tamén na Fundación Vicente Risco, coas xornadas arredor de Risco e Castelao, nas que se profundizará no seu legado intelectual e cultural.
Con este programa, Allariz convértese nun espazo de encontro e reflexión arredor de dúas figuras fundamentais para comprender a identidade e o pensamento galego.