A Gala Contra o Cancro celebrará a súa décima edición co apoio da Deputación

A Deputación de Ourense reafirma o seu apoio á Gala contra o Cancro para a celebración do décimo aniversario desta actividade benéfica en Ourense. Así llo trasladou o presidente da Deputación, Luis Menor, aos organizadores da gala, David Rodríguez e José Gayoso, nun encontro na sede provincial.
Menor valora como “frutífera” a reunión, enmarcada nos encontros de traballo que o presidente mantén no Pazo Provincial con representantes de entidades e colectivos da provincia. Tras coñecer os plans dos organizadores para este décimo aniversario, o presidente da Deputación valorou como “salto cualitativo e cuantitativo” o que se vai lograr para conmemorar unha data simbólica, xa que a gala cumpre dez anos.
O presidente provincial reafirmou o apoio da Deputación a este evento solidario, tanto en aspectos organizativos como económicos, para contribuír, dixo Menor, a que “este décimo aniversario sexa icónico e simbólico”.
Tamén puxo en valor o significado desta gala para a cidadanía ourensá, xa que se trata dun dos eventos sociais e solidarios de referencia no calendario. Organizado pola Asociación Cultural As Canellas, a través de Asociación Española Contra o Cancro de Ourense (AECC), a iniciativa enche cada ano o Auditorio Municipal de Ourense para recadar fondos para o cancro. Música, humor, danza e outros espectáculos forman parte da programación habitual.