A II Feira “Educa Ourense” regresa á cidade como un punto de encontro para centros formativos, alumnado e familias

Expourense, en colaboración coa Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Ourense, celebrará os días 25 e 26 de marzo a segunda edición da feira “Educa Ourense. Espazo de Innovación e Colaboración Educativa”, que busca ser un punto de encontro entre centros educativos, alumnado e familias. O evento ten como obxectivo facilitar información e orientación ao alumnado sobre o seu futuro académico e profesional, así como ofrecer ao profesorado un espazo para compartir experiencias e establecer sinerxías innovadoras.
Nesta edición participarán un total de 55 expositores que presentarán a súa oferta formativa e profesional, contribuíndo a que o alumnado poida tomar decisións informadas sobre o seu percorrido académico. A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta, Judith Fernández Novoa, o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández Gil, e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez González, presentaron esta segunda convocatoria.
Así mesmo, comprometeu o apoio da Deputación a este tipo de proxectos que permiten “presentar esa oferta educativa á cidadanía, servir de espazo para crear unha rede colaborativa entre todos os axentes implicados na educación, así como demostrar a gran calidade que ten o sistema educativo galego”, engadiu o vicepresidente segundo do goberno provincial.
O vicepresidente segundo da Deputación quixo destacar a importancia da “cooperación institucional” como “alianza estratéxica” que permite materializar iniciativas tan importantes como esta. Este segunda feira permitirá “orientar ao alumnado nas diferentes opcións que teñen para continuar coa súa vida académica” e será tamén unha “boa ocasión” para poñer en común os diferentes proxectos nos que traballan os centros educativos neste momento”, salientou Fernández.
Tras o éxito da primeira edición en 2025, os organizadores ampliaron o espazo de exposición e o número de participantes, destacando a excelencia do sistema educativo galego e do seu equipo docente. Durante a feira, Expourense converterase nun centro de intercambio, onde se compartirán proxectos innovadores, boas prácticas e experiencias que amosan unha educación inclusiva, creativa e adaptada aos retos do século XXI, con especial atención á sostenibilidade, á tecnoloxía e á innovación pedagóxica.
O horario será o mércores 25 de marzo de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, e o xoves 26 de 10:00 a 14:00 horas. A entrada é gratuíta.
Entre as universidades participantes destacan as tres públicas galegas (USC, Universidade de Vigo-Campus Auga e UDC) e a UNED en Ourense, así como diversas institucións privadas e nacionais, como Universidade Pontificia de Salamanca, CEU San Pablo, Universidad Nebrija, Universidad de Deusto, Universidade Europea de Madrid, U-Tad, entre outras. Ademais, participarán centros de formación especializada de Ourense, como Big Formación, Multimedia School, Kilómetros y Millas, SAFE Formación e Talleres José María, así como a Escola de Pilotos Atlantic Air Academy da Coruña.
Tamén estarán presentes outras entidades como AGACAL, os Polos de Emprendemento da Xunta e a Deputación de Ourense, que contará cunha área para o Centro Cultural Xaquín Lorenzo Xocas, así como institucións públicas e privadas como a Tesourería Xeral da Seguridade Social, o grupo Recoletas Salud, a Policía Nacional e a Garda Civil.
No apartado de innovación educativa participarán centros como o Centro Galego da Innovación da Formación Profesional, CIFP A Farixa, CIFP Vilamarín, CIFP A Carballeira, CIFP Portovello, IES O Ribeiro, IES Manuel Chamoso Lamas, IES Universidade Laboral, IES 12 de outubro e a Escola de Arte Antonio Failde.
A feira “Educa Ourense” consolídase así como un espazo aberto de orientación, aprendizaxe e intercambio entre alumnado, docentes e familias, promovendo a innovación educativa e o coñecemento das múltiples oportunidades formativas existentes na provincia e fóra dela.