A ilustración e a autoedición volverán darse cita na sétima edición de Allariz Debuxado

OurenseXa
O festival celebrarase o 29 de marzo cun mercadiño na Praza do Matadoiro, actividades para a rapazada e rutas de Urban Sketch pola vila
ALLARIZ debuxado
6 Mar 2026

Allariz volverá converterse a finais de marzo nun punto de encontro para profesionais e persoas afeccionadas á ilustración, a banda deseñada e a edición independente coa celebración da sétima edición de Allariz Debuxado. O festival reafirma así a súa aposta por dar visibilidade ao talento galego e pola difusión das industrias culturais vencelladas á creación gráfica.

A nova edición foi presentada este venres nun acto no que participaron a concelleira de Promoción Económica, María López, e David Calviño, membro da organización. O evento regresa cun formato xa consolidado arredor do seu mercadiño de ilustración e autoedición, unha proposta que co paso dos anos se foi asentando como escaparate para descubrir novos proxectos e iniciativas creativas.

A cita terá lugar o domingo 29 de marzo na Praza do Matadoiro, onde o público poderá percorrer, entre as 11.30 e as 20.00 horas e en horario ininterrompido, os postos dunha trintena de proxectos chegados de diferentes ámbitos da ilustración, a banda deseñada e a edición independente.

Xunto ao mercadiño, o festival completará a súa programación con distintas actividades paralelas. Entre elas figura un taller de deseño de personaxes orientado á rapazada, que será impartido pola ilustradora compostelá Clara Artiaga. Ademais, haberá rutas de Urban Sketch por Allariz, pensadas para que as persoas participantes poidan debuxar e reinterpretar a paisaxe urbana da localidade.

Allariz Debuxado está organizado un ano máis por Aira Editorial e a Libraría Sindicato do Cómic, co apoio e a colaboración do Concello de Allariz e da Deputación de Ourense. Nos vindeiros días daranse a coñecer novos detalles do programa completo dunha edición coa que o festival busca seguir fortalecendo o intercambio entre artistas, editoras e público nun ambiente aberto e participativo.

0.12204813957214