A inciativa “8M, mes a mes” recoñece o traballo da emprendedora Zaira Vidal Martín
Como cada mes, desde a área de Igualdade da Deputación lévase a cabo a iniciativa "8M, mes a mes", dedicándolle o día 8 un recoñecemento especial en honra ás mulleres con profesións altamente masculinizadas ou de gran relevancia ao longo da historia. Esta iniciativa trata de poñer en valor a importancia da muller no mundo laboral durante todo o ano.
O lema seleccionado para este mes foi “Paixón sustentable” e a figura seleccionada da provincia é Zaira Vidal Martín, emprendedora e neorural, que rexenta xunto ao seu socio, Juan Carlos, a empresa “Piel Natura” de produtos naturais e de cosmética sólida.
Zaira e o seu socio mudáronse desde Benidorm a San Xoán de Río para emprender no rural galego, un cambio que a propia Zaira considera “incriblemente positivo xa que buscábamos estar en coherencia cos nosos valores persoais e profesionais”. Asegurando que agora traballan “nun entorno que reflexa a nosa paixón pola sustentabilidade, natureza e o benestar”.
Coa súa iniciativa empresarial, Zaira busca algo máis que a venda. Aspira a “inspirar un movemento cara un estilo de vida máis consciente e sustentable, onde cada persoa se sinta empoderada para facer cambios positivos na súa vida e no seu entorno”.