A iniciativa ‘hackathon’, un laboratorio de ideas sobre turismo sustentable, chega a Ourense

Trátase do denominado “hackathon”, no marco do proxecto europeo POST “Sustainable Polycentric Tourism”, Programa Espazo Atlántico para o período 2021-2027.
O proxecto ‘hackathon’, o laboratorio de ideas sobre turismo sustentable, chega a Ourense da man da Deputación. É unha iniciativa do proxecto europeo POST (Sustainable Polycentric Tourism), incluído no Programa Espazo Atlántico 2021-2027 e financiado nun 75 % con fondos FEDER.
O encontro, que terá lugar o 25 de outubro no Campus de Ourense da Universidade de Vigo, reunirá a 25 participantes de diferentes ámbitos para deseñar propostas innovadoras que impulsen un turismo máis equilibrado, capaz de “redistribuír os fluxos turísticos da costa ao interior”.
O formato hackathon —un maratón de ideas que combina creatividade, coñecemento técnico e espírito emprendedor— permitirá que mozos talentos, startups, profesionais do sector e axentes locais traballen de maneira colaborativa. Os equipos abordarán cinco retos concretos: rutas intelixentes e multiexperiencia, gamificación cultural e rural, mobilidade verde e accesible, pasaportes e recompensas territoriais, e cambio climático e recuperación da paisaxe.
Este último tema porá o foco nos fenómenos meteorolóxicos extremos que afectan á provincia, como a vaga de incendios sufrida este verán, e en como o turismo pode contribuír á recuperación do territorio.
O proceso dividirase en dúas fases: unha etapa virtual, do 13 ao 24 de outubro, con sesións formativas e mentorías, e un “Demo Day” o 25 de outubro, no que un xurado profesional premiará as mellores propostas con ata 1.500 euros.
As inscricións permanecerán abertas ata o 10 de outubro a través da web 101area.com/hackathon_ourense
, onde tamén se pode consultar toda a información.
O hackathon forma parte do proxecto europeo POST, dotado cun orzamento de 1,5 millóns de euros e no que participan dez entidades de España, Portugal, Francia e Irlanda. O seu obxectivo é desenvolver e probar o concepto de “turismo policéntrico”, un modelo que aposta por diversificar a actividade turística e fomentar o desenvolvemento sustentable nos territorios do interior.