A Maleta Viaxeira contra a violencia de xénero chega a ONG Valores

OurenseXa
Esta iniciativa da Subdelegación do Goberno busca achegar a lectura sobre temas de feminismo, empoderamento e autoestima
maleta-viaxeira-ong-valores
Presentación da Maleta Viaxeira na ONG Valores
10 Apr 2025

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, presentou este mércores na ONG Valores, con sede na capital, a Maleta Viaxeira (MAVI) contra a violencia de xénero, acompañado pola xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación, Alida Iglesias.

Esta iniciativa naceu coa intención de achegar a lectura a todos os públicos e convidar á reflexión, sensibilización e concienciación en temas tan determinantes como o da violencia sobre a muller, a igualdade, os estereotipos e os roles de xénero.

A Maleta Viaxeira contra a violencia de xénero comezou o seu percorrido en 2022 no Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar, continuando logo viaxe polos diversos centros de información á muller (CIM) da provincia e chegando actualmente ás bibliotecas municipais dos concellos ourensáns.

Esta iniciativa da Subdelegación do Goberno en Ourense busca achegar a lectura sobre temas de feminismo, empoderamento e autoestima; fomentar o pensamento crítico; favorecer a lectura destes textos por parte de mulleres en situación de vulnerabilidade; e sensibilizar á sociedade en xeral.

O subdelegado destacou que se trata dunha “ferramenta educativa para traballar contra a violencia de xénero. Son libros que van de maneira itinerante por centros educativos e ONGs nos que se trata este problema dende unha perspectiva humana, con testemuños de vítimas”, dixo.

Con esta finalidade, 19 libros chegaron hoxe á ONG Valores na Maleta Viaxeira, entre os que se atopan a publicación “Vivas para contarlo”, editada pola Subdelegación e que recolle 13 microrelatos de vítimas de violencia de xénero e sexual.

ONG Valores

A ONG Valores botou a andar en 2013 co obxectivo de prestar asistencia a persoas en risco de exclusión social e/ou de extrema vulnerabilidade, entre as que se atopan as mulleres vítimas de violencia de xénero, menores, maiores e dependentes, ou a poboación do rural.

Dentro da súa misión atópase acadar un mundo máis xusto e igualitario, onde todas as persoas poidan ter as mesmas posibilidades. Neste senso, como recoñecemento da súa loita contra a violencia de xénero, a ONG Valores recibiu o Premio Menina 2023, que concede o Ministerio de Igualdade, entre outros motivos, “polo seu apoio e asesoramento ás vítimas, polo seu empeño en conseguir a integración das mulleres en situación de exclusión e pola súa estreita colaboración coa Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Ourense”.

Así mesmo, recibe respaldo económico a cargo do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero, coa finalidade de financiar as súas intervencións sociais.

En relación ao traballo desta ONG, o subdelegado do Goberno confesou atoparse “impresionado coa rede de apoio que tende ás mulleres vítimas da nosa provincia, con dinámicas de traballo no eido educativo, para a integración real e social das familias. É unha ferramenta para loitar contra a violencia de xénero dende abaixo”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.16683888435364