A Mancomunidade de Celanova recibe un novo camión autoescada para reforzar a seguridade

A Praza Maior de Celanova acolleu este luns a presentación dun novo camión autoescada que pasa a formar parte dos medios da Mancomunidade. O vehículo, financiado integramente pola Deputación de Ourense cun investimento de 150.000 euros, permitirá mellorar a resposta ante emerxencias e incrementar a protección da veciñanza da comarca.
No acto participaron o presidente da Deputación, Luis Menor, o alcalde de Celanova, Antonio Puga, e o presidente da Mancomunidade, Jaime Sousa, xunto a representantes autonómicos e municipais, membros das forzas de seguridade e de Protección Civil. Tamén asistiu o alumnado de infantil do colexio Sagrado Corazón, que presenciou unha exhibición de varios vehículos do parque comarcal.
Menor destacou que a chegada deste camión supón dar resposta a unha “demanda histórica” e reafirma o compromiso provincial de apoiar servizos que sexan útiles á cidadanía. Pola súa parte, Puga agradeceu a colaboración institucional que fai posible dispoñer dun recurso necesario para Celanova e a súa contorna, mentres que Sousa subliñou a importancia de dotar aos bombeiros de ferramentas modernas que melloren a eficacia e a rapidez nas intervencións.
O novo vehículo conta cunha escaleira de 32 metros, capaz de alcanzar edificios de ata nove andares, e dispón dunha liña fixa de auga conectada a outro camión. A pesar da súa altura, foi deseñado para poder acceder sen dificultade aos núcleos de poboación da comarca, converténdose nun apoio esencial para a seguridade nas Terras de Celanova.