A Mancomunidade de Santa Águeda avalía coa Xunta a mellora do abastecemento de auga en Coles, Vilamarín, Amoeiro e A Peroxa
A Xunta e a Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria de Santa Águeda avaliaron o proxecto para a mellora da rede de abastecemento de auga nos concellos de Coles, Vilamarín, Amoeiro e A Peroxa.
Durante unha reunión que mantivo esta tarde a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, cos alcaldes de Coles, Manuel Rodríguez; Vilamarín, Amador Vázquez; Amoeiro, José Luis González, e A Peroxa, Manuel Seoane, analizaron posibles vías de colaboración para acometer a mellora da rede de abastecemento entre a captación e a estación de tratamento de auga potable así como a ampliación da propia ETAP.
Segundo lle trasladaron os rexedores á conselleira, esta actuación é necesaria para garantir o servizo á cidadanía destes municipios en caso de urxente necesidade porque co sistema actual o abastecemento de Coles non conta co recurso suficiente para dar subministro aos demais concellos de xeito continuado.
Pola súa banda, Ángeles Vázquez garantiu que Augas de Galicia estudará o proxecto da entidade supramunicipal de cara a buscar vías de colaboración e financiamento para acometer a actuación.
Para concluír, a conselleira reiterou que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á súa veciñanza.
De feito, lembrou que o orzamento de Augas de Galicia sobe o vindeiro ano 2025 preto dun 5%, ata os 144 millóns de euros, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora de infraestruturas, a formación e divulgación e a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático.
O obxectivo principal será facer un uso eficiente da auga e reducir a pegada hídrica na comunidade mediante investimentos nas redes de saneamento, depuración e abastecemento así como no apoio aos concellos, o deseño de mapas de riscos climáticos ou a creación de corredores verdes para reducir os asolagamentos.