A memoria de Celso Emilio volve este sábado a Celanova

OurenseXa
A Editorial Elvira e Xabier Ferreiro, fillo do poeta, presentarán no Auditorio Municipal ‘O Cabronario’, unha colección de poemas antifranquistas escritos polo autor
celso-emilio-ferreiro
19 Nov 2025

Celanova acollerá este sábado unha nova homenaxe ao legado máis reivindicativo de Celso Emilio Ferreiro. A Editorial Elvira e Xabier Ferreiro, fillo do poeta, presentarán no Auditorio Municipal ás 11.45 horas ‘O Cabronario’, e ‘Pido unha patria ao mundo’, dous volumes que recuperan poemas inéditos e textos de grande carga política e emocional.

‘O Cabronario’ 2024, é unha colección de poemas antifranquistas escritos polo autor dende a clandestinidade, mentres que ‘Pido unha patria ao mundo’, reúne textos inéditos do autor. Nesta obra, a xornalista e escritora María Xosé Porteiro achega ao lector pequenas confesións e reflexións do poeta. Entre elas, esta advertencia sobre o compromiso literario: “Penso que nun país onde se sufriu unha guerra tan terrible como a que padecemos quen, daquela, eramos mozos; nun país que se atopa abandonado, marxinado, coa sangría da emigración... un poeta non pode permanecer neutro. Tan só acheguei unha nova forma de tratar un poema que está vivo desde Rosalía ata aquí pero nada máis”.

Na presentación participarán Xabier Ferreiro e Xabier Romero, responsable da Editorial Elvira, acompañados por tres recoñecidos estudosos da obra de Celso Emilio: María Xosé Porteiro, Antonio García Teijeiro e o crítico literario Ramón Nicolás. O acto será conducido polo presidente do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, Hixinio Araúxo, e polo alcalde, Antonio Puga.

A actividade forma parte das Xornadas de Memoria Antifascista sobre a Transición Española, organizadas polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, que comezaron o sábado pasado, terán continuidade o último sábado do mes coa presentación dun libro colectivo sobre a Transición na Galiza e unha mesa redonda con protagonistas ourensáns daqueles días de loita popular pola democracia fronte ao camiño marcado polas elites franquistas.

⚙ Configurar cookies
0.074294805526733