A MITEU regresa a Ourense cunha vintena de espectáculos de música e danza

A 31ª edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (MITEU), unha das citas máis destacadas no calendario cultural da cidade de Ourense e referente en Galiza, regresa do 23 de abril ao 8 de maio cun programa repleto de espectáculos de teatro e danza e máis de 200 participantes procedentes de España, Portugal, Palestina e Perú.
A MITEU 2026 inaugurarase o 23 de abril coa Mostra Interactiva de Danzas do Mundo, presentada pola Aula de Danzas do Mundo do Campus de Ourense, que ofrecerá un percorrido por danzas de distintas culturas e de Palestina no Liceo. De xeito paralelo, a Aula de Teatro do Campus de Ourense Rosaura levará ás rúas do centro o espectáculo Bocados, combinando teatro urbano con interacción co público.
Ao longo da mostra, actuarán aulas de teatro dos campus de Vigo, Pontevedra e Ourense (Universidade de Vigo), así como dos campus de Lugo e Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela), e das universidades de Pamplona, Burgos e da Beira Interior de Covilhã (Portugal). Ademais, durante a 15ª Xornadas de Danza, participarán as tres universidades públicas galegas e A Casa Vella, sumando diversidade e alcance académico ao programa.
Fóra do ámbito universitario, a MITEU contará con actuacións de compañías como Teatro del Barrio, Marta Doviro, Teatro Anaqueronte (Perú), La Líquida e Paula Carballeira, ademais dun concerto de Iberican Roots. A formación tamén terá protagonismo con dúas actividades: un obradoiro titulado Laboratorio de creación, impartido por Teatro Anaqueronte, e unha masterclass de Movemento: enerxía, factores e calidades, a cargo de Javier R. de la Varga (Teatro El Mayal, León).
A clausura, prevista para o 8 de maio, correrá a cargo da Aula de Teatro do Campus de Ourense Maricastaña, que presentará no Teatro Principal a obra Insurrección, pechando un programa que inclúe 20 espectáculos de teatro e danza e reúne a 233 participantes entre actores, directores e técnicos, xunto con diversas actividades paralelas que completan a experiencia cultural do festival.
A mostra foi presentada oficialmente este martes nun acto que reuniu a representantes institucionais e culturais da cidade e a provincia, consolidando a proxección internacional dun evento que leva máis de tres décadas situando a Ourense como referencia do mapa cultural. No acto participaron César Fernández, vicepresidente da Deputación; Sandra Quintas, directora territorial da Xunta de Galicia, Fernando Dacosta, director da MITEU, Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do Campus de Ourense, José Luis Troitiña, presidente do Liceo, e Olga Mojón, directora do Teatro Principal.