A mostra ‘Fauna Esencial’ chegará a Maceda a finais de outubro

Afundación, ABANCA e o Concello de Maceda veñen de formalizar un acordo para a realización da exposición fotográfica ‘Fauna esencial’. O acto de rúbrica celebrouse esta mañá na Casa do Concello de Maceda e contou coa presenza da alcaldesa, Uxía Oviedo, do coordinador institucional de ABANCA en Ourense, Mateo Alonso, e da coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano.
A exposición inaugurarse este próximo 29 de outubro no Centro Sociocomunitario de Maceda e poderá visitarse ata o 30 de novembro, de luns a domingo en horario de 9:00 a 20:00 horas. Esta colaboración forma parte do proxecto Corrente Cultural, que busca levar a arte máis aló das sedes de Afundación e fomentar o coñecemento e desenvolvemento colectivo en diferentes localidades galegas.
A exposición presenta 28 fotografías de gran formato do naturalista e fotógrafo Ezequiel Martínez, especialista en retratos naturais e colaborador de diversas publicacións. Cada imaxe vai acompañada de textos explicativos sobre as características biolóxicas das especies, o seu hábitat, alimentación, distribución xeográfica e os riscos que afrontan para a súa supervivencia, elaborados co apoio de especialistas do Centro Interactivo de Educación Ambiental de Afundación, Naturnova.
‘Fauna esencial’ é un chamamento á acción e á reflexión para valorar a diversidade da fauna salvaxe e a súa importancia para a sostibilidade do planeta. A mostra inclúe grandes retratos dalgunhas das especies máis emblemáticas da Península Ibérica, como o oso pardo, a cegoña, o voitre leonado, o gamo, o cervo, a curuxa e a aguia imperial. Segundo destacan os organizadores, ‘Fauna esencial’ inspira a respectar e preservar as especies do noso entorno, promovendo un futuro máis harmonioso e equilibrado para todas as formas de vida na Terra.