A mostra ‘Fauna Esencial’ xa pode verse en Maceda

O Centro Sociocomunitario de Maceda acolle ata o 30 de novembro a exposición fotográfica ‘Fauna esencial’, unha mostra que forma parte do proxecto Corrente Cultural, que busca levar a arte máis aló das sedes de Afundación e fomentar o coñecemento e desenvolvemento colectivo en diferentes localidades galegas.
A exposición presenta 28 fotografías de gran formato do naturalista e fotógrafo Ezequiel Martínez, especialista en retratos naturais e colaborador de diversas publicacións. Cada imaxe vai acompañada de textos explicativos sobre as características biolóxicas das especies, o seu hábitat, alimentación, distribución xeográfica e os riscos que afrontan para a súa supervivencia, elaborados co apoio de especialistas do Centro Interactivo de Educación Ambiental de Afundación, Naturnova.
‘Fauna esencial’ é un chamamento á acción e á reflexión para valorar a diversidade da fauna salvaxe e a súa importancia para a sostibilidade do planeta. A mostra inclúe grandes retratos dalgunhas das especies máis emblemáticas da Península Ibérica, como o oso pardo, a cegoña, o voitre leonado, o gamo, o cervo, a curuxa e a aguia imperial. Segundo destacan os organizadores, ‘Fauna esencial’ inspira a respectar e preservar as especies do noso entorno, promovendo un futuro máis harmonioso e equilibrado para todas as formas de vida na Terra.