A mostra ‘¿Sorolla nun hospital?’ chega ao Hospital Universitario de Ourense

O Hospital Universitario de Ourense inaugurou a exposición ‘¿Sorolla nun hospital?’, que reúne reproducións de obras de Joaquín Sorolla cedidas por distintos museos e xestionadas pola Fundación Cultura en Vena. O proxecto realízase en colaboración coa fundación, coa que a Área Sanitaria mantén un convenio para promover a presenza da arte nos centros sanitarios como vehículo de saúde e benestar para pacientes, acompañantes e profesionais.
A mostra, que xa estivo no Hospital Miguel Servet de Zaragoza e no 12 de Outubro de Madrid, forma parte do programa Arte Ambulatoria, que leva exposicións itinerantes a hospitais e comunidades rurais en risco de despoboamento. En Ourense, a exposición céntrase na Área de Hematoloxía, distribuíndose entre a planta principal, fronte a Admisión, a sétima planta de hospitalización e o Hospital de Día en Santa María Nai. As imaxes acompáñanse de textos creados específicamente para conectar coa experiencia de pacientes e familiares, ofrecendo un percorrido visual e poético que interpreta as obras desde a perspectiva da saúde, a vulnerabilidade e o coidado.
A selección de obras reúne pezas de museos de todo o mundo, incluíndo o Museo Sorolla e o Prado de Madrid, Carmen Thyssen de Málaga, Belas Artes de Asturias, Musée d’Orsay de París, a Galleria Internazionale d’Arte Moderna de Venecia e a Hispanic Society of America en Nova York.
"A estancia nun hospital pode converterse nunha paréntese fóra da realidade cotiá", explica Juan Alberto García de Cubas, presidente e fundador de Cultura en Vena. Por iso, di, "creamos un percorrido que convide aos espectadores a atravesar os seus recordos e emocións, a deterse e respirar, aínda que sexa por uns minutos, no medio do seu proceso de enfermidade ou de acompañamento".
Pola súa banda, Santiago Camba, xerente da Área Sanitaria de Ourense Verín e Valdeorras, destacou a longa traxectoria do hospital apoiando a presenza da arte: "desde a colaboración coa antiga Escola de Oficios, aos murais de Xaime Quessada no Hospital Santa María Nai, os cadros dos ‘Xaimes’ no novo edificio de hospitalización, ou ao artista Mon Devane nas áreas materno infantís dos hospitais de Ourense e Verín". Tamén agradeceu as obras doadas, incluíndo fotografía e escultura, e resaltou que "as imaxes de Sorolla formarán parte das emocións de moitos que senten neste mesmo espazo, antes do seu ingreso, ou afronten o seu tratamento en Hematoloxía, e confío no seu poder de consolo e apoio".
Camba lembrou que a Organización Mundial da Saúde (OMS) recoñece que as prácticas artísticas teñen un impacto positivo na saúde física e mental. Iniciativas como ¿Sorolla nun hospital? non só humanizan os espazos sanitarios, senón que complementan os tratamentos médicos ao reducir a ansiedade, mellorar o estado de ánimo e favorecer a recuperación.
Esta edición inclúe ademais “O Reto de Sorolla”, un xogo de pistas e reflexións que invita a pacientes, familiares e profesionais a percorrer a exposición de maneira participativa, activando recordos, preguntas e emocións.
O hospital tamén acolle de forma permanente a exposición Pequenos Pacientes, Grandes Lectores, con contos e ilustracións creados por pacientes pediátricos e alumnado de escolas rurais, dentro da colaboración continua con Cultura en Vena. A fundación sen ánimo de lucro leva música, artes visuais e literatura a hospitais e comunidades rurais para mellorar o benestar, xerar emprego cultural e promover a cultura como un activo de saúde pública. Entre os seus programas destacan Arte Ambulatoria, Músicos Internos Residentes (MIR), Vulnera, Pequenos Pacientes, Grandes Lectores e Érase unha voz.