A necrópole megalítica da Chan: mámoas milenarias no corazón de Quintela de Leirado

Quintela de Leirado está considerado un dos municipios con maior concentración de mámoas do noroeste peninsular, especialmente na Serra do Leboreiro, onde se concentran máis dun cento de túmulos
mamoa-chan-quintela
1 Mar 2026

Nas inmediacións da capital municipal de Quintela de Leirado érguese un montículo de terra e pedra sobre a paisaxe. Trátase da Mámoa da Chan de Leirado, un vestixio funerario que remite ás primeiras comunidades que poboaron este territorio da actual Terra de Celanova.

O túmulo forma parte da necrópole megalítica da Chan, situada no Monte da Chan e composta por catro mámoas. O conxunto é accesible desde a estrada O-0209, que conecta Celanova e Leirado, e conta cunha pequena zona de estacionamento, facéndoa accesible a quen queira achegarse a visitala.

En xuño de 2025, o Concello de Quintela de Leirado promoveu unha intervención arqueolóxica nunha das mámoas do conxunto, propiedade do vecindario de Aíñade e situada no val do río Deva, afluente do Miño. Os traballos centráronse no túmulo número 2, o maior da necrópole, onde se abriu unha cata de cinco por cinco metros.

A escavación sacou á luz unha estrutura funeraria de planta poligonal orientada cara ao leste, cunha cámara delimitada por dúas grandes lousas laterais e unha pedra de cabeceira de forma case rectangular que pechaba o sector occidental. Nos laterais, dúas lousetas poligonais de gran tamaño selaban as paredes do dolmen. Ademais, a construción presenta un falso corredor cuxa investigación aínda non concluíu. O interior da cámara aparecía cheo pequenas pedras, un indicio claro, segundo os investigadores, de que o monumento foi violado nalgún momento.

Ao rematar os traballos,, o dolmen foi cuberto con terra, tanto para protexelo como para integralo visualmente na contorna, xerando o túmulo que hoxe domina a paisaxe. Grazas a iso, a Mámoa da Chan é unha das poucas estruturas deste tipo que poden visitarse con facilidade na comarca da Terra de Celanova.

Segundo os expertos, polas súas características, a estrutura podería situarse no Neolítico final, aproximadamente entre o 3000 e o 2500 antes da nosa era. Non se descarta, porén, que o seu uso se prolongase ata o inicio do Calcolítico (2500–2000 a.C.), etapa na que comeza a documentarse en Galicia a cultura campaniforme, vinculada aos primeiros traballos cos metais.

Os materiais recuperados apuntan a unha notable diversidade cerámica. Identificáronse tres modelos diferenciados. Un deles presenta decoración a base de coviñas ou pequenas semiesferas que cobren a superficie do vaso, realizadas cando o barro aínda estaba fresco antes da súa cocción oxidante en fornos ou fogueiras abertas. Outro conxunto amosa decoración impresa de tipo cardial, executada non con cunchas, senón con instrumentos como peites ou puntas. Nestas pezas, de paredes finas, apréciase un deseño xeométrico composto por acanaladuras verticais enmarcadas por bandas de pequenas incisións horizontais. O terceiro grupo procede da terra acumulada tras a lousa de cabeceira. Son recipientes de tonalidade que vai do marrón escuro ao negro, posiblemente resultado dunha cocción oxidante incompleta ou da súa exposición directa ao lume, segundo os expertos. Estes elementos carecen de ornamentación exterior, aínda que presentan un acabado brunido compatible coas técnicas características da Idade do Bronce.

A intervención na Chan enmárcase nun territorio especialmente rico en vestixios prehistóricos. Quintela de Leirado está considerado un dos municipios con maior concentración de mámoas do noroeste peninsular, especialmente na Serra do Leboreiro. Neste enclave catalogáronse máis dun cento de túmulos, entre os que sobresae a necrópole coñecida como “Das Mámoas”, onde se atopa unha das cámaras funerarias máis destacadas de Galicia: A Mota Grande, compartida co municipio veciño de Verea. Este sepulcro, un dos de maiores dimensións documentados na xeografía peninsular, conserva no seu interior pinturas e gravados de notable interese.

0.13897514343262