A nova base aérea de Verín-Oímbra pretende "converter a Ourense nun territorio máis seguro”
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a posta en marcha da nova base aérea de Verín-Oímbra, a primeira transfronteiriza entre España e Portugal, que desde hoxe mesmo queda “plenamente operativa”. Esta infraestrutura, enmarcada no Proxecto europeo Interlumes, ten como obxectivo mellorar e intensificar a capacidade operativa de resposta na extinción de incendios forestais, consolidando os mecanismos de cooperación entre Galicia e o norte de Portugal.
“Ogallá que non sexa necesario utilizalas moito, pero cando sexa necesario teremos esta base, estes medios e a magníficos profesionais que van poder actuar a un lado e outro da fronteira”, apuntou durante unha visita ás instalacións na que estivo acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez.
Rueda subliñou que esta nova base exemplifica a cooperación fluída e intensa co país luso, reforzando a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como exemplo de integración e dinamismo e para dar un salto de calidade na extinción de lumes. Así, puxo en valor a necesidade de facer “proxectos transfronteirizos, aínda que non é nada sinxelo xa que requiren dunha tramitación moi complexa”, polo que quixo dar as grazas a todos os que o fixeron posible.
A base aérea de Verín-Oímbra, na que se investiron preto de 5,5 millóns de euros, –obra cofinanciada polo programa Interreg POCTEP–, está orientada principalmente aos traballos de extinción de incendios. Así, nela poden operar helicópteros e avións de carga en terra. O aeródromo dispón dunha plataforma de estacionamento para seis aeronaves de carga en terra e o heliporto para catro helicópteros, cunha pista de aterraxe que mide 1.200 metros. Ademais, conta con catro depósitos de auga e instalacións de carga de combustible.
Así mesmo, as instalacións incorporan unha torre de control e un edificio de descanso con tres zonas diferenciadas, para pilotos de avións, para pilotos de helicópteros e para brigadas contra incendios.
Aposta pola mellora constante
O presidente da Xunta tamén fixo referencia á constante aposta por mellorar a prevención e loita contra os lumes, un obxectivo ao que o Goberno galego destina anualmente preto de 200 M€, dos que unha parte moi importante van para o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga), operativo todo o ano e reforzado na temporada estival.
Alfonso Rueda quixo agradecer tamén o traballo dos máis de 7.000 efectivos que integran o operativo contra incendios en Galicia, e fixo un chamamento á cidadanía para colaborar na detección e prevención, notificando calquera indicio de lume a través do número de teléfono 085.
Luis Menor ratifica a colaboración coa Xunta “para converter a Ourense nun territorio máis seguro”
Na visita, Alfonso Rueda estivo acompañado polo presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, que comprometeuse a seguir traballando e cooperando coa Xunta “para converter a Ourense nun territorio máis seguro”. Agradeceu así ao presidente da Xunta o seu compromiso con Ourense que “hoxe se materializa coa maior obra en materia de incendios realizada en moitos anos”.
Luis Menor lembrou que a Deputación de Ourense foi a primeira administración provincial galega en colaborar coa Consellería de Medio Rural en materia de prevención de incendios forestais.
Este convenio coa Consellería de Medio Rural en materia de prevención de incendios forestais, a través do cal a Deputación destina 3 millóns de euros para as anualidades 2024, 2025 e 2026, inclúe a realización de actuacións conxuntas para o mantemento e a conservación das infraestruturas preventivas e da contorna agrofororestal no territorio provincial.
No convenio deste ano, ademais destes traballos e da adquisición de ata 12 tractores rozadoiras, inclúese como novidade poñer en marcha catro programas piloto para dotar de 16 brigadas de prevención e extinción de incendios por seis meses a outras tantas mancomunidades municipais da provincia, así como ofrecer formación especializada ao persoal municipal e das mancomunidades a través do Centro Integral de Loita contra o Lume de Toén.