A nova pasarela peonil de Cudeiro contará cun orzamento de máis 435.000 euros

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá Cudeiro, no concello de Ourense, para informar do anuncio de licitación das obras da nova pasarela peonil na OU-150, nas que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vai investir máis de 435.000 euros, e que terá un prazo máximo de execución de 6 meses.
O delegado territorial explicou que o proxecto recolle as actuacións necesarias para a execución dunha pasarela peonil na contorna do punto quilométrico 1+000 da estrada OU-150, independente da ponte actual, que salva o paso sobre o rego Val dos Gozos, no que existe un estreitamento de calzada, co fin de mellorar a seguridade peonil nese ámbito.
Unha “importante actuación” que segundo Manuel Pardo “atende ás necesidades de mellora da seguridade viaria nesta contorna con paso constante de peóns que fan uso dos distintos servizos existentes na zona”. “Un exemplo máis -mantivo o delegado- dos esforzos da Xunta pola mellora da rede viaria e a dotación de itinerarios que favorezan os desprazamentos a pé de modo máis cómodo e seguro aos veciños”.
A estrutura proxectada terá tipoloxía estrutural de pórtico con canto variable, en aceiro. Constará de dous vans, o principal de 35,35 metros entre apoios e o máis pequeno de 18,85 metros, mantendo un esquema simétrico dende a pila ata o canto máis reducido. A lonxitude total do taboleiro será de 54,20 metros. A sección transversal terá un ancho de 2,50 metros transitables, e conformarase de barras tubulares en celosía.
O alzado do estribo 1 disporá dun intradorso que permitirá o apoio do arco inferior, e un extradorso vertical. O cargadeiro superior protexerase cun muro de 20 centímetros de espesor. O estribo 2 disporá dun extradorso e intradorso vertical para recibir o arco inferior, e tamén o cargadeiro protexerase cun muro de 20 centímetros de espesor.
En ambos os estribos será necesaria a disposición dun muro de acompañamento na marxe dereita, que conterá as terras dos accesos á pasarela. Estes muros serán de coieira, cunha altura máxima de 2 metros.
A pila comporase dun tronco formado por un pedestal de formigón de 75 centímetros de altura, sobre o que se soportará un tubular cadrado de aceiro cunha altura de 1,35 metros dende a que se ramificará en catro soportes con tubulares cadrados de sección variable, ata unha altura de 3,74 metros.