A nova senda na estrada OU-402 en Reza suporá un investimento de máis de 1,6 millóns de euros

OurenseXa
Con esta intervención complétase a execución de máis de 16 quilómetros de sendas nas estradas autonómicas da comarca de Ourense, con 8 millóns de euros de investimento
senda_reza
Proxecto de trazado da nova senda na estrada OU-402 en Reza
8 Mar 2024

O Consello da Xunta acordou hoxe a aprobación do proxecto de trazado da nova senda na estrada OU-402 en Reza, no concello de Ourense.

O investimento que o Goberno galego destinará a esta nova actuación para habilitar unha senda peonil continua de case 2,7 km pola marxe dereita desta vía autonómica superará os 1,6 millóns de euros.

A aprobación definitiva deste proxecto por parte do Goberno galego leva tamén aparellada a declaración de utilidade pública, pola que se dispón a urxente ocupación dos terreos necesarios para executar esta intervención. Do total de 37 predios necesarios para executar as obras, 6 son de titularidade pública e 16 parcelas estarán afectadas por ocupación temporal para executar a reposición das ramplas de acceso e, cando sexa posible, a recolocación dos peches que sexa necesario levantar.

Este novo proxecto responde á vontade de diálogo permanente da Xunta para acadar unha solución satisfactoria e que minora no posible as afeccións.

Así, habilitarase na OU-402 un itinerario entre os puntos quilométricos 1+060 e 3+290, que permita conectar os treitos illados de beirarrúas existentes e as edificacións dispersas, para que os veciños poidan realizar os desprazamentos a pé de xeito máis cómodo e seguro.

Máis concretamente, a senda estenderase desde a intersección coa rúa Portalón ata o aparcadoiro situado no quilómetro 3+290 da estrada. Pola marxe esquerda realizaranse, ademais, pequenas actuacións puntuais relacionadas coa nova posición dos pasos de peóns ou das paradas de autobús acordadas.

Segundo o proxecto deseñado polo departamento de Infraestruturas da Xunta, o itinerario peonil defínese adaptándose ao trazado da estrada, tanto en planta como no alzado, mantendo unha beiravía de 0,50 metros. Executarase en formigón desactivado e con bordo elevado sobre a vía.

Atendendo ás consideracións feitas previamente polos veciños e para minimizar afeccións aos peches, a senda oscilará entre os 1,8 e os 3 metros de ancho, en función das edificacións lindeiras. Tamén nun pequeno treito (entre o punto quilométrico 2+050 e o 2+200) modificarase lixeiramente o trazado da estrada, movendo 1 metro o eixe para evitar afectar aos peches.

A actuación farase de xeito coordinado coa dotación de bandas de aparcadoiro en liña na marxe dereita que eviten que os vehículos paren invadindo o recorrido peonil.

Cumprindo coas demandas veciñais no momento da redacción deste novo proxecto, reubicaranse varias paradas de autobús tamén na marxe contraria á senda, para que a subida e a baixada de viaxeiros se faga sen interrupcións. Ademais, disporanse 6 novas marquesiñas.

Tras a análise das achegas recibidas no proceso de información pública, aténdense alegacións recibidas para reducir a afección a varias fincas mediante a substitución dun terraplén por un muro  entre os puntos quilométricos 1+075 e 1+150, e axústase o ancho da senda entre os quilómetros 1+380 e 1+445.

A intervención completarase con traballos adicionais de mellora dos sistemas de drenaxe, a preinstalación de canalizacións de servizos, sistemas de contención, construción de muros ou reforzo da sinalización.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade realizará a convocatoria dos actos expropiatorios no segundo trimestre do ano, co obxectivo de licitar as obras no segundo semestre. A actuación ten un prazo de execución de 12 meses.

Con esta intervención complétase a execución de máis de 16 quilómetros de sendas nas estradas autonómicas da comarca de Ourense, con 8 millóns de euros de investimento, traballos aos que hai que sumar o investimento mobilizado para conformar a nova senda peonil e ciclista que vertebrará de norte a sur a cidade entre a estación intermodal, a Ponte Vella e Expourense, a través da avenida das Caldas e do Barbaña.

O Goberno galego continúa mellorando a rede viaria autonómica para reforzar a seguridade viaria e a comodidade dos usuarios, así como para impulsar unha mobilidade máis sustentable.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1968138217926