A novena edición da Feira Internacional de Antigüidades ANTIQ AURIA contará con 50 expositores de cinco países

A Feira Internacional de Antigüidades ANTIQ AURIA celebra este fin de semana en Expourense a súa novena edición, reunindo medio cento de anticuarios procedentes de España, Portugal, Bélxica, Suíza e Francia. Os visitantes poderán gozar dunha ampla mostra con máis de 20.000 obxectos de diferentes épocas e estilos.
Organizada pola Asociación Memoria Antiga de Ourense, a feira conta un ano máis coa colaboración do recinto feiral Expourense, así como co apoio da Deputación Provincial de Ourense. Segundo os seus responsables, ANTIQ AURIA consolidouse como “a mellor feira de antigüidades de Galicia e unha das mellores do noroeste peninsular, porque así nos din tanto os expositores como os visitantes”.
O evento presentouse esta mañá en Expourense coa participación de representantes institucionais, como o deputado de Representación Institucional da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, a directora territorial da Consellería de Economía e Industria, Alicia López, e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez. Por parte de Memoria Antiga participaron Gerardo Román e José Antonio Ferreiro, cofundadores da asociación.
A feira contará con expositores procedentes de distintos puntos de España e Portugal, que representan arredor do 25 % dos participantes, así como con profesionais de Bélxica, Suíza e Francia. Destacan especialmente aqueles que participan en importantes mercados europeos como os de Montpellier, Aviñón ou Béziers.
Desde a organización sinalan que “lles encanta vir a Ourense, senten cómodos aquí, gozan da cidade e da súa gastronomía, e uns lles van contando aos outros o bo ambiente que se respira aquí e outros anticuarios van sumándose”.
ANTIQU AURIA ten como obxectivo “poñer en valor o antigo e que a xente conserve e lle colla cariño ás cousas vellas porque forman parte da súa historia”, ademais de fomentar o hábito de mercar antigüidades. A feira ofrece tamén a posibilidade de tasar e vender obxectos antigos que os visitantes poidan traer dos seus fogares.
O percorrido pola feira é unha viaxe ao pasado que abarca desde obxectos dos séculos XVIII e XIX ata pezas dos anos 80 e 90. A oferta divídese en tres grandes sectores: antigüidades (obxectos con máis de 50 anos como xoguetes, reloxos, mobles, xoias ou porcelanas), coleccionismo (numismática, filatelia, obxectos militares e relixiosos) e vintage (artigos do século XX que se converteron nunha tendencia para a decoración).