A obra de Tim Flach poderá visitarse ata o 30 de xuño en Ourense
A obra de Tim Flach, un dos fotógrafos de animais máis recoñecidos a nivel global, amósase por primeira vez en España da man deste proxecto xurdido da colaboración entre Afundación e a editorial Lunwerg. Tras o seu rotundo éxito nos seus anteriores emprazamentos, con máis de 40.000 persoas no Teatro Afundación de Vigo, no Café Moderno Afundación de Pontevedra, na Sede Afundación da Coruña e na Sede Afundación Santiag, o proxecto «Emocións en perigo» chega agora a Ourense cunha nova proposta máis ambiciosa e aberta ao ser unha mostra de rúa situada na rúa Curros Enríquez, que a acollerá desde mañá xoves 30 de maio ata o 30 de xuño.
A través dunha selección de 34 retratos de animais en perigo de extinción fotografados como nunca antes os viramos, Flach asegura que con este proxecto trata de «conectar as persoas coa natureza» cun obxectivo: romper as barreiras que parecen levantarse entre os seres humanos e a natureza a través destas escenas, fomentar a empatía cos retratados e salientar a emoción.