A oficina móbil de retorno atendeu na provincia de Ourense a preto de 3.000 familias dende a súa posta en marcha

Os servizos ofrecidos polas oficinas complétanse con apoios como as achegas extraordinarias ao retorno, das que se beneficiaron preto de 200 familias en Ourense en 2024
Oficina-móbil-retorno
Oficina Móbil de Retorno
19 Feb 2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo Secretario Xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, achegouse esta mañá á oficina móbil de retorno ao seu paso polo concello de Nogueira de Ramuín. Durante a visita, na que tamén estivo presente o alcalde do municipio, Julio Temes, reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia con ofrecer un servizo de cercania e un apoio integral e personalizado ás familias retornadas, con independencia da súa localización xeográfica.

O labor da oficina móbil percorrendo os concellos rurais e as vilas máis pequenas, que acumula xa arredor de 200 visitas desde 2023, compleméntase co desenvolvido nas cinco oficinas permanentes situadas nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Santiago. Nelas lévanse tramitado arredor de 140.000 consultas desde a súa posta en marcha hai cinco anos, atendendo a 30.000 familias, preto de 3.000 só na área de Ourense.

Ao abeiro destas cifras, José González fixo fincapé en que a iniciativa, enmarcada no paquete de medidas da Estratexia Galicia Retorna, confírmase como unha ferramenta esencial para facilitar o retorno, a integración e o acompañamento permanente aos galegos e galegas que deciden regresar á súa terra. Nese senso, sinalou que Galicia é hoxe unha terra de oportunidades á que poden voltar para sumar o seu talento e capacidades ao mercado de traballo, ben por conta allea ou propia, contribuíndo a cubrir vacantes e tamén a afrontar o propio reto demográfico. Ademais, lembrou que a Xunta ofrece tamén achegas extraordinarias ao retorno para cubrir as necesidades derivadas do seu regreso. Precisamente, a convocatoria de 2025, dotada con 2,3 millóns de euros abre mañá o prazo de solicitudes. No balance de 2024, na provincia de Ourense concedéronse preto de 200 axudas a familias retornadas por valor duns 580.000 euros.

Acompañamento permanente no retorno

Entre os servizos que se ofrecen a través destas oficinas, tanto nas fixas como na móbil, atópanse o asesoramento sobre programas de apoio ao retorno, ofrecendo información actualizada sobre as axudas económicas e programas dispoñibles para facilitar a integración en Galicia. Tamén se brinda axuda nos trámites administrativos, prestando apoio na realización de xestións relacionadas coa sanidade, a vivenda, a educación, a Seguridade Social e outras cuestións importantes para a vida cotiá das persoas retornadas.

Ademais, inclúese orientación laboral, proporcionando asesoramento para a busca de emprego en Galicia e guía sobre a validación de títulos acadados no estranxeiro. A este respect, e co obxectivo de contribuír de xeito máis eficaz a captar e reter o talento dos galegos e galegas do exterior, o Consello da Xunta vén de aprobar o novo plan de formación permanente do Servizo Público de Emprego de Galicia, que por primeira vez estará tamén dispoñible para o persoal destas oficinas de retorno.

Feiras de emprego na Arxentina e no Uruguai

Galicia é unha rexión pioneira a prol das políticas de retorno, impulsando medidas tanto no eido da conta propia como allea para facer fronte ao reto demográfico e responder a desafíos como a cobertura de vacantes e a remuda xeracional. Así, no marco da Estratexia Galicia Retorna, a Xunta tamén ten en marcha outras accións, como a atracción de perfís altamente cualificados a través das Bolsas BEME, cuxa 9ª convocatoria se pode solicitar ata o vindeiro 30 de abril, ou o Programa Retorna Cualifica Emprego, coa segunda edición aberta cun orzamento de 2,3 millóns de euros e co obxectivo de beneficiar uns 200 residentes no exterior menores de 55 anos deica finais de 2025. Ademais, nas vindeiras semanas impulsará feiras de emprego específicas na Arxentina (6 e 7 de marzo) e no Uruguai (10 de marzo) en coordinación coas necesidades das propias empresas galegas, que terán a oportunidade de captar talento en ambos países para facer fronte ás súas perspectivas de crecemento e garantir a súa competitividade.

0.17545318603516