A olería galega e portuguesa dáse cita no XI Encontro de Cacharreiros de Niñodaguia

RibeiraSacraXa | OurenseXa
O evento, que se celebra ata o 16 de agosto en Xunqueira de Espadanedo, reúne a destacados artesáns con demostracións, obradoiros e música tradicional
encontro-cacharreiros-niñodaguia
15 Aug 2025

O Museo da Olería de Niñodaguia acolleu onte a apertura do XI Encontro de Cacharreiros, unha cita organizada polo Concello de Xunqueira de Espadanedo co patrocinio da Xunta de Galicia, que se prolongará ata o sábado 16 de agosto e que se consolidou como un punto de encontro clave para o sector da olería e da cerámica, tanto en Galicia como fóra das súas fronteiras.
A xornada inaugural reuniu a recoñecidos oleiros e artesáns, entre eles Agustín Vázquez e Enrique Cabana, de Niñodaguia; Olería do Batán, de Baños de Molgas; Carlos San Claudio, de Vigo; Antón Román, de Gondomar; Susana González, da Coruña; e Antía Caldeiro, de Xunqueira de Espadanedo. Tamén participaron o telleiro O Buraco, do Rosal, e os artesáns portugueses Carlos Lima e Xana Monteiro, que achegaron unha dimensión transfronteiriza ao encontro.
Ata este sábado, o público poderá gozar de demostracións de olería tradicional e da técnica xaponesa raku, así como de obradoiros participativos e da venda directa de pezas artesás. Ademais, haberá visitas guiadas ao museo, programadas en dúas quendas diarias ás 12:00 e ás 18:00 horas. O programa complétase con actuacións musicais de grupos de música tradicional, como Tino Vaz, este xoves, e Xunquereteiras, mañá venres a partir das 21:30 horas.

⚙ Configurar cookies
0.17625689506531