A oposición fala en Pereiro de Aguiar

OurenseXa
Os voceiros do BNG e do PSdeG de Pereiro de Aguiar, Rubén García e Luisa Bravo, explican cales son ás súas reivindicacións á fronte da oposición no Concello
ruben-garcia-luisa-bravo
1 Jun 2025

Por Raquel Pérez

Os voceiros do PSOE e do BNG no concello de Pereiro de Aguiar, Luisa Bravo e Rubén García, explican cales son as súas principais demandas á fronte da oposición nun concello que está a experimentar un enorme crecemento nos últimos anos.

Ambos coinciden nunha política centrada na veciñanza e en poñer solución a problemas como a falta de transporte metropolitano, unha atención pediátrica axeitada e un plan urbanístico actualizado. A oposición neste concello coincide en reclamar políticas públicas que acompañen o desenvolvemento demográfico e que dean prioridade ás necesidades reais da cidadanía.

Luisa Bravo, voceira socialista, leva catro anos como concelleira: “Entrei na pasada lexislatura, a metade, substituíndo a un compañeiro que tivo que renunciar. Desde entón, levo catro anos como concelleira e tamén como voceira”. No partido, a súa traxectoria é máis longa: “Levo militando arredor de 15 anos na agrupación local”.

Pola súa parte, Rubén García, voceiro do BNG, iniciou a súa militancia política moi novo. “Aos 15 anos xa participaba en asociacións estudantís. Despois, militei en Galiza Nova e na CAF na universidade”, lembra. Malia un tempo de afastamento, retomou a actividade política en 2006, e xa foi concelleiro entre 2011 e 2015. “No 2023 encabezamos de novo a candidatura e conseguimos volver á corporación”, explica.

TRANSPORTE E SANIDADE E VIVENDA, PRINCIPAIS REIVINDACIÓNS

Tanto Bravo como García sinalan a falta de transporte metropolitano como un dos principais problemas do municipio. “É algo que reclamamos dende hai tempo”, asegura Bravo, quen subliña que “O Pereiro está dentro da área metropolitana de Ourense, temos unha conexión moi directa con San Cibrao e con moita xente que traballa no polígono industrial ou noutras zonas. Por tanto, é necesario contar cun servizo de transporte metropolitano. Agora mesmo non o temos, e os veciños quéixanse constantemente. É algo que reclamamos dende hai tempo”.

Segundo ela, as últimas novas apuntan a que “se está avanzando na resolución da concesión dos buses”, pero desconfía de que se concrete algo a curto prazo: “Levamos anos escoitando que se van dar pasos, e a realidade é que non hai nada concreto”.

Na mesma liña fala Rubén García. “Non hai unha conexión real co transporte metropolitano de Ourense, e a xente depende completamente do coche privado, o que supón un gasto elevado e unha barreira importante para moitas familias”. Para o BNG, isto podería supoñer “que esa dinámica de crecemento demográfico que parecía tan positiva poida estancarse ou reverterse”. Para el, os pasos anunciados recentemente neste senso son “unha cortiña de fume”.

Outro dos puntos que ambos consideran fundamentais é a sanidade, especialmente a atención pediátrica. E é que neste concello, no que cada vez vive máis xente nova, non había pediatra ata fai uns meses, tal e como lembran ambos voceiros. Agora, a atención préstase dúas horas un día a semana. Para García, “isto non cubre as necesidades dunha poboación que non para de crecer”.

E é que o concello conta, actualmente, con máis de 800 nenos e nenas en idade pediátrica. “Esta carencia afecta directamente ás familias novas, que son maioritarias no concello”, apunta, e lembra que “parte do crecemento do Pereiro vén motivado pola pandemia e pola procura de espazos máis tranquilos fóra da cidade”. Pero iso, di, “foi máis ben casual, non froito de políticas públicas”. “Agora mesmo somos un concello residencial, practicamente de segundas vivendas. Se houbese unha política seria, este crecemento podería consolidarse e mellorar”, afirma o voceiro nacionalista, que insiste en que “sen servizos públicos adecuados —transporte, sanidade, vivenda— moita xente deixará de vir ou acabará marchando”.

Neste senso, explica que o ano pasado o seu grupo fixo unha recollida de sinaturas, que tivo moita aceptación entre a veciñanza. “Presentámolas na Xunta, e probablemente foi iso o que provocou que o PP anunciase que se ampliarían esas dúas horas de atención. Pero, como moitas veces, foi só propaganda. A realidade non cambiou”, lamenta.

Na mesma liña fala Bravo, que considera que atención pediátrica prestada actualmente neste concello é “totalmente insuficiente”. Pero ademais, sinala que dende o seu grupo reclaman tamén un servizo de fisioterapia, que tampouco se presta actualmente.

Á sanidade e ao transporte súmase, para os voceiros de ambas formacións, o problema da vivenda. Bravo é clara respecto ao urbanismo: “Non temos un PXOM actualizado, e iso é esencial para o desenvolvemento do concello”.

Rubén García coincide na urxencia dun novo plan urbanístico: “Seguimos con normas desfasadas, como pasa en Ourense, que segue cun PXOM do ano 1986. O noso é do 2000, cunha modificación en 2013 que non chegou a saír adiante”. Ademais, di, “pedimos máis implicación do concello: axudas ao alugueiro, rehabilitación de vivendas nos núcleos tradicionais... Hai moitas casas abandonadas en lugares como Cachamuíña que están a caer”, explica García.

RETOS PARA O PSOE

Para a voceira socialista, un dos principais problemas que debería abordar este concello ten que ver coa auga. “Levamos tempo pedindo unha auditoría do ciclo da auga, porque se están a producir moitas perdas. Estímase que hai un 40% de perdas na rede de abastecemento. Ademais, estamos pagando sancións polos vertidos da depuradora de San Cibrao”, explica Bravo.

“Pensamos que todos deberían pagar proporcionalmente ao que verten. Por iso, reclamamos tanto a auditoría para detectar as perdas como unha solución máis xusta no reparto deses custes”, sinala contundente.

Ademais, pon o foco na veciñanza. “Vemos que se están facendo moitas actuacións pensadas para atraer turismo —como a zona de Cachamuíña, as rutas de sendeirismo ou o parque acuático—, que nos tamén apoiamos, pero non se pode esquecer da xente que vive aquí todo o ano. Por iso, di, “hai que mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas, especialmente nos núcleos rurais”.

RETOS PARA O BNG

O voceiro do BNG considera outro dos ámbitos que habería que mellorar ten que ver coa cultura. “A día de hoxe non temos un espazo cultural axeitado para un concello de case 7.000 habitantes. A maioría dos actos fanse nos Gozos, que é un lugar pequeno, pensado para outra cousa, sen aforo suficiente”. “Recentemente”, explica, “anunciouse a construción dun novo espazo cultural, pero vemos que a política cultural do concello é máis ben puntual, sen continuidade no tempo, e moi baseada en accións ligadas á Deputación”.

BALANCE E MEDIDAS

Ambos voceiros destacan o gran crecemento que está a vivir os últimos anos o concello de Pereiro de Aguiar. Porén, lembran que isto débese á súa cercanía coa cidade e co polígono industrial. Por iso, ambos coinciden en afirmar que as principais medidas a tomar teñen que ver cos servizos básicos, centrados neste caso no transporte, a vivenda e a sanidade.

Critican que as carencias nas infraestruturas débense a xestión do PP, que leva gobernando catro décadas, pero recoñecen que nos últimos anos estanse a tomar medidas. A voceira socialista pon como exemplo que “a renovación da luminaria con luces LED era unha demanda histórica nosa, e agora estase facendo, pero chega tarde. Calculamos que se podería ter aforrado preto de dous millóns de euros”.

Bravo defende que o PSOE fai unha “oposición construtiva”: “Non nos opoñemos por sistema, senón que analizamos cada proposta segundo o seu beneficio para o concello”.

García tamén aposta por unha política útil: “Se houbese unha política seria, este crecemento podería consolidarse e mellorar”. Para el, a clave é unha xestión centrada na veciñanza. “Pensamos que é posible facer unha política centrada nas persoas, que mellore os servizos básicos e que contribúa a consolidar un concello que xa está a medrar, pero que precisa estrutura para facelo de forma sostida e con calidade de vida.

⚙ Configurar cookies
0.1714129447937