A organización da VI Subida a Taboadela cancela a presentación oficial polos incendios

A Escudería Taboadela informa de que, debido á extrema situación que está a vivir a provincia de Ourense polos incendios forestais e tras falar coa Deputación de Ourense e o Concello de Taboadela, queda suspendida a presentación oficial da sexta edición da Subida a Taboadela que estaba previsto celebrarse este martes, 19 de agosto.
“As administracións locais consideran que o máis sensato é non celebrar esta presentación e estamos de acordo en que nestes momentos o máis importante é a xestión da situación que temos na nosa provincia por mor dos incendios e apoiar a todos os afectados”, explican dende a organización.
O resto da programación do evento segue adiante polo momento, á espera de ver como evoluciona a situación. Así, segundo o previsto, a proba disputarase os días 22, 23 e 24 de agosto.