A Peña Celtista de Allariz organiza este fin de semana a VIII edición da Romaría Celeste

Os días 30 e 31 de maio, a localidade de Allariz acollerá a tradicional Romaría Celeste, organizada pola Peña Celtista de Allariz. Durante estas xornadas, os asistentes poderán gozar de comida, música e un ambiente cheo de celtismo.
O venres, ás 19.00 horas, dará comezo a celebración cun roteiro de viños polo casco antigo de Allariz, amenizado polo Gaiteiro de Penalta.
O sábado, desde as 11.00 horas da mañá, levarase a cabo un roteiro histórico pola vila alaricana que finalizará nos Xardíns do Museo do Coiro, lugar onde se celebrará o Xantar Popular.
Ás 12.30 horas comezará a sesión vermú, coa música da Charanga A Felga e, ás 14.30 horas terá lugar a presentación oficial da Romaría, coa intervención de membros da organización e autoridades locais. Despois, dará inicio o Xantar Popular, seguido polas actividades da tarde, que inclúen inchables e pintacaras para os nenos, campionato de futbolín para os maiores, e música en directo cos grupos Engra ás 20.30 horas e Maskarpone ás 22.30 horas. A festa continuará con música a cargo dun DJ ata a súa finalización.