A Peroxa presenta a oitava edición da súa Andaina Solidaria

O Concello da Peroxa e a Fundación Neuroburgas organizan a oitava edición Andaina Solidaria da Peroxa, unha cita deportiva e con carácter benéfico que terá lugar o vindeiro domingo 12 de outubro.
O cartel oficial da proba foi presentado este xoves nun acto que contou coa presenza do alcalde da Peroxa, Manuel Seoane, o presidente da Fundación Neuroburgas, Delfín Campos asesor de política deportiva da Deputación de Ourense, Quique Álvarez, así como José Manuel Blanco, concelleiro na Peroxa.
As inscricións para esta actividade terán un custo de 8 euros, dos cales 5 irán destinados á Fundación Neuroburgas, que axuda, apoia e asesora a persoas e familiares que presentan dano neurolóxico. Ademais, habilitarse unha Fila 0 para aquelas persoas que queiran contribuír a causa se non poden participar no evento.
A proba arrancará ás 10:30 horas e os participantes poderán elixir entre un percorrido curto, de preto de 8 quilómetros, e outro longo, de 20 quilómetros. Ao remate haberá música, pinchos e un sorteo de agasallos.