A plataforma contra a macroplanta de biogás de Xunqueira de Ambía intensifica a súa campaña con 31 puntos de recollida en 9 municipios

A plataforma “Macroplanta Biogás na Limia NON”, que agrupa veciños e colectivos ecoloxistas, mantén aberta a recollida de alegacións contra o proxecto de construción dunha macroplanta de biogás en Xunqueira de Ambía. Actualmente contan con 31 puntos de recollida en 9 municipios para facilitar a presentación de escritos.
Este sábado 13 de decembro a plataforma instalará unha mesa informativa na feira de Xinzo de Limia, no punto habitual entre as rúas San Roque e Toural, de 10:30 a 13:30 horas, onde tamén se poderán entregar alegacións. Ademais, pola tarde, ás 17:00 horas, celebrarase unha charla no Centro Social A Alvariça de Allariz, coa participación de representantes do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) e de ADEGA, para informar sobre os posibles impactos da instalación. A plataforma continuará recollendo sinaturas cada sábado no Mercado da Biosfera de Allariz.
A planta, promovida pola empresa ENCE, ubicaríase en parcelas próximas a zonas protexidas da Rede Natura e a menos dun quilómetro e medio de núcleos de poboación, o que preocupa á plataforma polos posibles efectos sobre a fauna, as augas e a saúde das persoas. Entre os principais problemas sinalados están os cheiros xerados, o gran volume de residuos a tratar (166 000 toneladas ao ano segundo a documentación oficial), as balsas de residuos ao aire libre dentro da zona protexida, e a contaminación das augas nun ecosistema sensible e vulnerable aos nitratos.
O prazo para presentar alegacións neste segundo proceso de participación pública finaliza o 8 de xaneiro, aínda que a plataforma anima a rexistrar a maioría antes desa data. Tamén lembran que quen asinou alegacións no primeiro proceso pode facelo de novo.