A plataforma contra a macroplanta de biogás na Limia rexistra máis de 3.400 alegacións ao proxecto de Ence

A campaña de cinco semanas con mesas informativas e 31 puntos de recollida en nove concellos triplica os escritos do primeiro trámite, anulado pola Xunta tras detectar erros na documentación
XUNQUERIA DE AMBIA firmas
8 Jan 2026

A plataforma veciñal Macroplanta Biogás na Limia NON completou este xoves 8 de xaneiro de 2026 o rexistro de máis de 3.400 alegacións contra o proxecto promovido por Ence para instalar en Xunqueira de Ambía unha industria de produción de combustíbel renovábel a partir de residuos. Segundo o colectivo, a cifra supón triplicar os escritos presentados no primeiro proceso de exposición pública, que quedou sen efecto despois de que a Xunta cancelase a tramitación ao advertir deficiencias na documentación.

O colectivo atribúe o aumento da participación a unha campaña de cinco semanas na que organizou mesas informativas en feiras e mercados, charlas e difusión en redes sociais. A recollida de sinaturas e documentos realizouse a través de 31 puntos habilitados en nove concellos (entre eles Xunqueira de Ambía, Sandiás, Allariz, Xinzo de Limia, Maceda, Celanova, Vilar de Santos, Vilar de Barrio e Ourense), co obxectivo de facilitar a entrega de escritos durante o prazo do procedemento.

Entre as preocupacións que recolle a plataforma figuran a xestión do dixestato (o residuo líquido resultante), o risco de vertidos e as posibles afeccións ambientais nunha contorna próxima á ZEPA da Limia. Tamén alertan sobre molestias por cheiros e un impacto sobre a saúde en núcleos habitados situados a varios quilómetros da instalación. Mentres, os promotores teñen defendido que o proxecto se deseña para evitar emisións odoríferas e mesmo falaron de 'cero olores'.

A oposición social xa quedara patente no tramo final de 2025, cando o colectivo rexistrara máis de 1.600 alegacións nun primeiro balance da campaña, que agora se viu amplamente superado. Ademais, a plataforma subliña que tamén se implicaron administracións e forzas políticas locais, e anuncia novas accións ante as institucións con competencias no procedemento, incluída a Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Pola súa banda, distintas informacións publicadas sobre o proxecto sitúan o investimento arredor de 25 millóns de euros e apuntan a unha planta orientada á produción de biometano e biofertilizantes, ligada ao aproveitamento de residuos agrogandeiros.

⚙ Configurar cookies
0.081241846084595