A praza de Fonteboa, en San Cibrao das Viñas, será humanizada cun investimento de 172.000 euros

Os traballos consistirán na remodelación total do ámbito, incluíndo a dotación de novo arborado, mobiliario urbano e luminarias
martinez-allegue-marta-novoa
María Martínez Allegue e Marta Novoa
22 May 2025

A Xunta colaborará co Concello de San Cibrao das Viñas nas obras de humanización dunha praza en Fonteboa, que contan cun investimento de 172.147 euros. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asinou hoxe co alcaldesa do concello ourensán, Marta Novoa, o convenio para a posta en marcha destes traballos, que se enmarcan no Plan Hurbe do Goberno galego.

A actuación consistirá nas obras de humanización da praza xerada na confluencia das rúas Fonteboa e Camiño da auga, coa remodelación total do ámbito, incluíndo a dotación de novo arborado, mobiliario urbano e luminarias.

Pavimentarase a praza, nalgunhas zonas con lastras de granito e noutras con formigón. Entre as intervencións previstas, levarase a cabo a demolición do muro e lavadoiro existente e a súa posterior reconstrución co emprego do material retirado, así como actuacións de drenaxe completa no recinto. Ademais, habilitarase unha beirarrúa de 2m de ancho.

A reforma completarase coa colocación de dúas novas luminarias e dun cartel luminoso coa lenda “Fonteboa”, así como a habilitación de 4 alcorques con colocación de árbores, a instalación de seis bancos, papeleiras e xardineiras.

A través do convenio asinado hoxe, a Xunta financiará o 70% do orzamento total, 120.502€; licitará e executará as obras, mentres que o Concello de San Cibrao das Viñas aportará o restante 30%, un total de 51.644 euros. O prazo de execución das obras estímase en tres meses.

O Plan Hurbe ten como obxectivo colaborar cos municipios galegos en intervencións que permitan humanizar espazos públicos ou dotarse de equipamentos, a fin de mellorar a calidade de vida da veciñanza e seguir fixando poboación.

⚙ Configurar cookies
0.14444708824158