A primeira promoción do ciclo de FP Dual en Mobilidade Segura e Sostible gradúase no Pazo dos Deportes Paco Paz

OurenseXa
O programa conta co apoio da Deputación e da Asociación de Autoescolas, que xa prepara a segunda edición
grado-fp-dual-mobilidade-segura-ourense
Graduación da primeira promoción do ciclo de FP Dual en Mobilidade Segura e Sostible
25 Jun 2025

O Pazo dos Deportes Paco Paz acolleu hoxe a xornada de clausura e demostración da primeira promoción do ciclo superior de Formación para a Mobilidade Segura e Sostible, desenvolvido dentro do programa de Formación Profesional Dual. A iniciativa, organizada pola Asociación Provincial de Autoescolas de Ourense co respaldo da Deputación de Ourense, permitiu que 14 estudantes completasen unha formación innovadora que combina teoría en centros educativos con prácticas en empresas reais do sector.

Durante o curso 2024–2025, un total de 13 autoescolas da provincia participaron neste programa, facilitando a integración laboral do alumnado dende marzo ata agosto. Esta formación está aliñada cos obxectivos dunha mobilidade máis segura e sostible, e supón un paso adiante na profesionalización do sector da educación viaria.

O acto contou coa intervención do presidente da Asociación Provincial de Autoescolas, Luis Novoa Fernández, quen valorou o impacto desta formación na preparación de futuros directores de autoescola, formadores en educación viaria e condutores profesionais. Durante a sesión realizouse tamén unha demostración práctica protagonizada polo alumno Ransel Pino Rodríguez e o seu titor Jesús Soto, que amosou o nivel acadado tras os meses de formación.

En representación do alumnado, Héctor Santalices compartiu a súa experiencia e destacou o compromiso dos seus compañeiros cun sector que, segundo dixo, “conta cunha grande profesionalidade”. Pola súa parte, Jesús Soto agradeceu a implicación das empresas colaboradoras e da Deputación, subliñando a importancia de formar novos profesionais ben preparados.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor Pérez, presidiu a entrega de diplomas e salientou o carácter “innovador e especializado” do ciclo, que considerou clave para o relevo xeracional no sector. “A Deputación é unha ferramenta útil para avanzar como sociedade, neste caso no ámbito educativo e no acceso ao emprego”, sinalou. Menor puxo tamén en valor a utilidade desta formación para as empresas do sector e lembrou iniciativas complementarias como o Centro de Innovación da FP Eduardo Barreiros, que cualificou como “referente para Galicia”.

O evento concluíu cunha fotografía de grupo e cun pequeno percorrido guiado polo recinto, realizado por un dos alumnos graduados.

De cara ao futuro, a Asociación Provincial de Autoescolas xa prepara a segunda edición do ciclo de FP Dual (2025–2027) e o lanzamento dunha modalidade a distancia, única en Galicia, con preto de 50 prazas. Esta nova oferta formativa estará orientada á preparación de futuros docentes en mobilidade segura e sostible, consolidando o papel de Ourense como referente autonómico neste ámbito.

⚙ Configurar cookies
0.072488784790039