A provincia contará con quince intervencións arqueolóxicas promovidas pola Xunta neste 2025

OurenseXa
Entre os proxectos do Plan de intervencións arqueolóxicas 2025 estaría a recuperación patrimonial da Cibdá de Armea (Allariz)
xunta-arqueolog-ou
23 Jul 2025

A Xunta de Galicia vén de iniciar os traballos de limpeza e roza na Torre do Castro, en Sandiás, un dos Castelos da Limia, no marco do Plan de intervencións arqueolóxicas previsto para 2025. O delegado territorial en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse ata o lugar acompañado polo alcalde do municipio, Felipe Traveso, para supervisar o inicio das actuacións, nas que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude investirá máis de 12.000 euros.

Segundo explicou Pardo, esta intervención insírese nas accións que promove a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural co obxectivo de favorecer o coñecemento, a conservación e a posta en valor do patrimonio arqueolóxico de Galicia. “É importante conservar e poñer en valor o noso patrimonio cultural, que é un dos principais sinais que procuran identidade de pobo”, afirmou o delegado, engadindo que “o patrimonio é unha oportunidade para todos, para o seu aproveitamento cultural, a súa proxección exterior e para fortalecer a marca de país”.

As actuacións tamén se realizarán noutros dous enclaves defensivos da comarca: o Castelo da Pena, en Xinzo de Limia, e a Torre de Firbeda, en Porqueira. Estas construcións, levantadas entre os séculos XI e XII, contan coa declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) e foron clave para a defensa da zona fronte ás incursións de Portugal, así como para o control da antiga lagoa da Antela.

Os traballos previstos, cunha duración máxima de 40 días, consisten na roza da vexetación, eliminación de árbores e restos silvícolas procedentes de limpezas anteriores, baixo supervisión arqueolóxica.

O Plan de intervencións arqueolóxicas 2025 contempla un total de quince actuacións na provincia de Ourense, cun investimento global de preto de 260.000 euros. Entre os proxectos destacan a recuperación patrimonial da Cibdá de Armea (Allariz), valoración no Castelo de Cabreira e no xacemento do Bouzadoiro (Verín), posta en valor do antigo mosteiro de San Xoán de Camba (Castro Caldelas), e traballos no Foso do Lobo de Requiás (Muíños), no Castro de Lorbanzán (Oímbra), e no Campo de Ourique (Baltar).

Tamén se prevén escavacións e restauracións nos castros de San Vicenzo (Avión), Garfián (Beariz), Cameixa (Boborás), Fraga Raxada (Lobios) e Castromao (Celanova), así como a continuidade dos traballos no Castelo da Picoña (Calvos de Randín) e actuacións nas capelas medievais da Ribeira Sacra, nas provincias de Ourense e Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.12783193588257