A provincia de ourense acollerá a fase final dos encontros Ultreia
A Xunta de Galicia celebrará o vindeiro 3 de decembro no Mosteiro de San Clodio, situado no concello ourensán de Leiro, a fase final da primeira edición dos encontros Ultreia, unha xornada coa que culminará esta iniciativa realizada en colaboración coas confederacións empresariais de cada unha das provincias galegas e que naceu co obxectivo de consolidar o emprendemento en Galicia e deseñar solucións conxuntas antes os principais desafíos que enfronta o territorio.
Esta xornada autonómica será o punto de destino das catro sesións provinciais celebradas no mes de setembro, nas que se identificaron os sectores estratéxicos e os seus principais retos. Nelas tamén se mapearon os axentes do ecosistema emprendedor de cada provincia e se identificaron un total de 15 empresas emerxentes para sondar financiamento no Foro de investimento final, incluído na programación deste evento. Concretamente, exploraranse as vías e oportunidades que ofrece o investimento en impacto para potenciais investidores e abordarase como dar visibilidade a estes proxectos identificados no territorio para que acaden o pulo que precisan.
Xunto coa parte de investimento, a xornada constará doutras dúas áreas de traballo destacadas. A primeira delas estará centrada no emprendemento ligado ao territorio, na que se afondará en iniciativas de grandes corporacións vinculadas a este ámbito -coa participación de Capsa e de Bigcrafters Estrella Galicia-, programas de referencia que teñen demostrado a súa eficacia -como Rural Emprende e Ruralizable- ou experiencias de coliving como ferramenta de desenvolvemento territorial, coas achegas de, entre outros, Fundación Ría, Sende, UtopicUS e Rural Hackers.
Por outra banda, a segunda área de traballo centrarase nos retos e solucións para un territorio intelixente. Nela presentaranse as conclusións dos eventos Ultreia provinciais, coa participación de Jaime López, Jesús Castiñeiras, Jaime Pereira e Marina Graña, secretarios xerais, respectivamente, das confederacións empresariais de Lugo, Pontevedra, Ourense e A Coruña.
Foro de investimento
Dentro das 15 empresas seleccionadas nos encontros provinciais Ultreia para participar na parte de investimento atópanse proxectos vinculados a un amplo abano de sectores, ofrecendo solucións innovadoras en eidos como a alimentación, a cosmética ecolóxica, a recuperación téxtil, as alternativas ao uso de plástico ou as solucións tecnolóxicas orientadas á xestión de recursos acuáticos ou ao coidado das persoas. Por localización, catro correspóndense coa provincia de Ourense (Next Climbing Holds, Mirabeles Lifestyle, Piel Natura e AO Domini); tres foron escollidos pola parte da provincia da Coruña (Ceus World, Nordes Tech e Neo Wise); cinco proceden de Pontevedra (Envita Digital Solutions, Amphora, Hemolem, airco2 e Mia Creativa); e finalmente tres son de Lugo (Fogar dos soños, Train2Go e Asuque).
O programa Ultreia
Financiado pola Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, o programa Ultreia enmárcase no plan de acción de Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025, un recoñecemento outorgado á Comunidade polas políticas a prol de xerar emprendemento e emprego, fixando así poboación, especialmente no rural. Ademais, Ultreia reforza a actividade da Rede de polos de emprendemento, unha iniciativa da Xunta que vén de consolidarse coa apertura dunha nova oficina en Vilanova de Arousa, a número 15 da Rede.
Aos eventos provinciais celebrados en setembro estaban chamados proxectos innovadores con visión de futuro que procurasen proxección, mentorización e financiamento, co fin de seguir reforzando o emprendemento galego. En total, participaron 240 axentes do ecosistema emprendedor, máis de 160 empresas emerxentes, 40 empresas tractoras de sectores estratéxicos e 16 casos de éxito.