A provincia de Ourense consolida o seu crecemento laboral no que vai de ano

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destacou hoxe que a provincia consolida o seu crecemento económico e laboral, cun 7% menos de persoas desempregadas e case 1.700 afiliados máis en maio de 2025 respecto ao mesmo mes do ano anterior. “Estes bos datos queren dicir que as políticas do Goberno van na boa dirección, na de conseguir o benestar das familias ourensás”, subliñou.
Así se expresou Eladio Santos nunha rolda de prensa ofrecida esta mañá na Subdelegación do Goberno en Ourense, na que fixo balance da actividade semestral dos distintos organismos dependentes do Goberno de España na provincia, despois da reunión da Comisión de Asistencia ao Subdelegado da semana pasada.
O subdelegado detallou que o paro rexistrado se situou en 13.528 persoas en maio, 644 menos que en abril e 1.017 menos que no mesmo mes do ano anterior, o que supón un descenso do 7% na comparativa anual. “Isto é resultado do traballo feito e das políticas responsables e efectivas, como o é o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que está a crear emprego de calidade coa aposta pola dixitalización e a modernización”, remarcou.
Na mesma dirección, apuntou Santos, medrou o número de persoas afiliadas á Seguridade Social un 1,6%, ata situarse nas 107.945, o que quere dicir que se rexistraron 1.692 persoas máis de alta que hai un ano. “Constatamos que Ourense mantén o ritmo da boa evolución do conxunto do país, que superou os 21,7 millóns de persoas afiliadas en maio, un récord absoluto”, sostivo. Ademais, a Seguridade Social conta con 10.138 empresas de alta na provincia, o que supón un aumento de 112 no que vai de ano.
“Tamén hai que resaltar a fortaleza do sistema público de pensións, porque este Goberno garante a protección social e o poder adquisitivo, especialmente en provincias como a nosa, cunha alta densidade de poboación maior”, subliñou o subdelegado, que revelou que Ourense recibe cada mes preto de 106 millóns de euros en pensións e o número de pensionistas en maio foi de 108.462 (67.350 con pensión por xubilación). Ademais, aumenta a pensión media feminina un 6% respecto ao ano anterior, ata situarse nos 826,26 euros.
Para Eladio Santos, esta evolución positiva responde ás políticas do Goberno de España como a reforma laboral de 2022, que impulsou os contratos indefinidos e acabou coa temporalidade, ou a suba do Salario Mínimo Interprofesional e a revalorización das pensións, que devolveron capacidade adquisitiva ás familias. Tamén lembrou que “este Goberno é o que máis inviste en obra pública da historia, o que xera postos de traballo”. “Se tódalas Administracións puxeran o mesmo esforzo inversor nesta provincia que o Goberno de España, estes datos serían aínda mellores”, afirmou o subdelegado.