A provincia de Ourense consolídase como referente na atención integral a persoas con enfermidades avanzadas

Representantes da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, Cruz Vermella e Fundación La Caixa mantiveron este xoves unha reunión, no Hospital Universitario de Ourense, para coñecer os primeiros resultados e obxectivos futuros do Programa de Atención Integral a Persoas con Enfermidades Avanzadas, que desenvolve Cruz Vermella co apoio da Fundación, coordinado cos profesionais sanitarios dos Centros de Saúde da cidade.
Durante o encontro, destacouse que Ourense é a única provincia onde o programa se desenvolve a domicilio, mantendo ademais un estreito vínculo coa atención primaria. Esta modalidade permite ofrecer unha atención máis próxima e personalizada, ás persoas con enfermidades avanzadas e ás súas familias, mellorando a súa calidade de vida e respectando as súas preferencias no proceso asistencial.
Os bos resultados do programa en Ourense, permiten fixar novos obxectivos de crecemento, para dar acollida a novos perfís de pacientes, poñendo o foco nas persoas que precisan de coidados paliativos, e no necesario apoio psicosocial, tanto aos pacientes que afrontan o final da vida como ás súas familias ou coidadores directos.
Na reunión abordáronse diferentes escenarios, dependendo do tipo de pacientes e axentes implicados na súa atención e captación, de cara a intensificar a difusión do programa entre o persoal sanitario dos centros de saúde. Esta medida busca fomentar a derivación de pacientes, para que poidan beneficiarse da atención psicosocial que ofrece esta iniciativa.
O pasado ano, o equipo de Cruz Vermella en Ourense atendeu a 178 pacientes e 289 familiares, dos cales dous eran menores de 10 e 12 anos. O 84,8% dos pacientes con enfermidades crónicas non oncolóxicas. Por procedencia o 80% das derivacións realizáronse desde os seus centros de saúde. Neste intre, os dous psicólogos e a traballadora social, que forman o EASP en Ourense atenden a 70 persoas, que se benefician dunha intervencións psicosocial adaptada ás necesidades de cada situación.
ATENCIÓN A DOMICILIO EN OURENSE
O Programa de Atención Integral a Persoas con Enfermidades Avanzadas, impulsado por Fundación "la Caixa", conta con 65 Equipos de Atención Psicosocial (EAPS) en toda España, formados por máis de 320 profesionais. Estes equipos ofrecen atención psicolóxica e social, tanto en hospitais como a domicilio ou en residencias de persoas maiores. Desde a súa posta en marcha, en 2008, o programa atendeu a máis de 300.000 pacientes e 385.000 familiares en todo o país.
A colaboración entre Cruz Vermella, Fundación "la Caixa" e o Sergas en Ourense exemplifica un modelo de atención integral e humanizada, que sitúa á persoa no centro do proceso asistencial e promove a coordinación entre os distintos niveis de atención sanitaria e social.
Por parte do Servizo Galego de Saúde, á reunión a tres bandas asistiron Eloy Sánchez, director asistencial da Área Sanitaria; Verónica Civeira, subdirectora de Enfermaría de Atención Primaria; José Luis Gutiérrez e Belén Piñeiro, do Servizo de Atención ao Paciente e Humanización. Felipe Ferreiro e Marisa Visitación López, presidente e coordinadora provincial de Cruz Vermella Española en Ourense, acompañaron aos membros do Equipo de Atención Psicosocial (EAPS) que desenvolven o programa, Jesús Carballo, coordinador; Raquel Casal, psicóloga; Mª José Míguez, traballadora social. Por parte da Fundación “La Caixa” participaron Iziar Anzizu, directora do Departamento de Humanización da Saúde e Paula Aparicio, referente do programa para os equipos de Galicia.