A provincia de Ourense rexistrou 38 incendios forestais de nivel 2 na última década

Na última década foi necesario activar a situación 2 en 38 dos incendios forestais rexistrados na provincia de Ourense. Así o indicou o Subdelegado do Goberno esta semana durante a realización dun simulacro de incendio de nivel dous levado a cabo nos concellos de Ourense e Pereiro de Aguiar.
Os peores anos foron 2016 e 2017, con dez lumes por ano, ambos afectando a 10 municipios. Para intentar evitar isto, o subdelegado lembrou que o Goberno pon á disposición da Xunta “todos os recursos necesarios” para combater os incendios forestais.
A activación 2 que se puxo en práctica para o suposto de incendios simultáneos nos núcleos de Naves e Canibelos require a adopción inmediata de medidas de protección e auxilio para a poboación afectada.
Eladio Santos explicou que “o Goberno participou neste simulacro como o fai tódolos anos na campaña de prevención e loita contra os incendios forestais, que golpean duramente a Ourense e son un enorme problema medioambiental”. En concreto, o subdelegado sinalou que na última década (2015-2024) a provincia rexistrou 6.618 lumes forestais e foron calcinadas 102.421,16 hectáreas, o 55% da superficie queimada en Galicia.
Neste sentido, o subdelegado incidiu en que o Estado activará unha vez máis tódolos mecanismos da súa titularidade, como poden ser a Garda Civil, a Policía Nacional, Protección Civil e o Exército para completar os medios da Comunidade Autónoma que ten as competencias nesta materia.