A provincia de Ourense suma dúas novas zonas demarcadas pola flavescencia dourada da vide
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha resolución na que se recolle unha ampliación dos concellos con presenza da praga de corentena denominada flavescencia dourada da vide, establecendo a zona demarcada e adoptando medidas urxentes para a súa erradicación e control en Galicia. Esta actualización inclúe dous novos concellos onde se declaran parcelas infestadas na provincia de Ourense, A Arnoia e Ribadavia. Ademais, a zona tampón amplíase na provincia ourensá a varias parroquias dos concellos de Castrelo de Miño, Melón, Cartelle e Ramirás.
A praga denominada flavescencia dourada da vide é provocada polo organismo denominado Grapevine flavescence dorée phytoplasma e transmitido por un insecto vector (Scaphoideus titanus). A nova zona demarcada está formada pola zona infestada -parcelas onde se confirma a súa presenza- e unha zona tampón arredor desta.
O 2 de febreiro de 2023 publicouse a resolución que declaraba a presenza de flavescencia dourada en Galicia, estableceu a zona demarcada e as medidas urxentes para a súa erradicación e control. O 17 de novembro de 2023 ampliáronse as zonas demarcadas e establecéronse novas medidas de erradicación e control. Durante as prospeccións realizadas ao longo do 2024 producíronse novas deteccións deste organismo nocivo, o que fai preciso ampliar a zona demarcada e manter as medidas xa establecidas.
As parcelas infestadas a día de hoxe atópanse nos concellos da Cañiza, Arbo, As Neves, Crecente, O Rosal, Oia e Tomiño, na provincia de Pontevedra; e nos concellos da Arnoia, Cortegada, Gomesende, Padrenda, Pontedeva, Quintela de Leirado e Ribadavia, en Ourense. Ademais, a zona tampón tamén se estende a varias parroquias dos concellos de Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e Tui, na provincia de Pontevedra; e varias parroquias de Castrelo de Miño, Melón, Cartelle e Ramirás, en Ourense.
Medidas obrigatorias nas zonas demarcadas
Dentro da zona infestada, os titulares das parcelas vitivinícolas nas que se detecte a presenza de plantas infestadas ou insectos vectores deberán aplicar o antes posible un tratamento insecticida autorizado a todas as plantas. As plantas infestadas e todas as sintomáticas das parcelas deberán ser arrincadas e destruídas baixo control oficial o antes posible. O máis recomendable é que esta destrución se realice in situ e, se non é posible, realizarase nun rodal próximo, por incineración ou por algún outro método autorizado.
Ademais, no caso de que a parcela afectada teña máis dun 20 % de plantas sintomáticas, estudarase a posibilidade de eliminar e destruír todas as plantas da parcela. Se a detección se realiza nunha parcela abandonada deberá arrincarse toda a parcela.
No relativo a viveiros e outros operadores profesionais dentro das zonas infestadas, en caso de detectar un positivo, este será eliminado e quedará inmobilizado de xeito cautelar o material de vide (Vitis spp.) ata a súa inspección. Na actualidade non hai ningún viveiro ou operador profesional afectado na zona demarcada.
Por outra banda, será obrigatorio en toda a zona demarcada que os titulares das parcelas vitícolas e os operadores profesionais realicen tratamentos insecticidas con produtos fitosanitarios autorizados nos períodos de voo do vector, que se produce habitualmente nos meses de verán, e que serán publicados na web da Consellería. Ademais, os titulares deberán vixiar a presencia de flavescencia dourada nas súas parcelas ou instalacións e comunicar ás autoridades competentes calquera sospeita ou confirmación da presenza da praga.
Así mesmo, tamén cómpre arrincar e destruír todas as plantacións abandonadas das zonas demarcadas, así como eliminar as plantas silvestres do xénero Vitis spp. e aquelas que poidan ser portadoras da enfermidade, entre outras medidas preventivas.